Esta semana, citas co presidente do Club Financiero e co alcalde de Santiago

Santiago Centro analizará o futuro do comercio retallista en varias sesións online

Santiago Centro inicia esta semana o ciclo de sesións en liña "Covid-19 Comercio en Crise, que podemos esperar?", para analizar o futuro máis inmediato do comercio retallista e proporcionar aos comerciantes composteláns información que lles axude a adoptar as mellores decisións posibles, nunha contorna certamente impredicible.

Santiago Centro analizará o futuro do comercio retallista en varias sesións online
Xosé Sánchez Bugallo, alcalde de Santiago./WEB CONCELLO DE SANTIAGO.
Xosé Sánchez Bugallo, alcalde de Santiago./WEB CONCELLO DE SANTIAGO.

No ciclo organizado por Santiago Centro estudaranse cuestións como as posibilidades que se presentan para soportar o peche e descenso da actividade comercial; os plans de reactivación económica do Concello de Santiago; como se prevé que sexa a reapertura do comercio retallista e que medidas de hixiene sanitaria é previsible que se deban adoptar, ou como se espera que mude o consumo, e en que fases.

O mércores 29 ás 18 horas. transmitirase a primeira das sesións, "Con que armas contamos para poder manter os negocios ata a recuperación da actividade", coa participación de Roberto Pereira, experto asesor de empresas e presidente do Club Financeiro de Santiago. O xoves 30, tamén ás 18 horas, cóntase coa presenza do alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, para a sesión "En clave local: programa de reactivación económica do Concello de Santiago". Nas dúas sesións actuará como moderador Chema Fernández, presidente de Santiago Centro. 

As sesións serán abertas e retransmitiranse a través da páxina de Santiago Centro en Facebook. Organízanse en dúas partes, unha primeira de exposición breve da temática seguida doutro bloque no que se dará resposta ás preguntas dos comerciantes. 

O ciclo continuará a vindeira semana, con sesións centradas nas probables medidas de hixiene a adoptar nos comercios coa reapertura, as previsións de como se vai desenvolver a pandemia nos próximos meses, ou como se agarda que se comporten os consumidores. Para estas sesións cóntase coa participación de responsables da administración galega e máis expertos do ámbito sanitario e de marketing da Universidade de Santiago.

Santiago Centro analizará o futuro do comercio retallista en varias sesións online