Do 14 ao 16 outubro celebrarase o Salón do Vehículo Novo

O Salón do Automóbil de Ourense, cita clave para reactivar a venda de vehículos

15 concesionarios pertencentes á Asociación de Concesionarios de Automóbiles de Ourense, ACAUTO, participarán como expositores no 13º Salón do Automóbil que se celebrará durante dúas fines de semana seguidas en Expourense. A fin de semana do 14 ao 16 outubro celebrarase o Salón do Vehículo Novo, e do 21 ao 23 de outubro o do Vehículo de Ocasión.

O Salón do Automóbil de Ourense, cita clave para reactivar a venda de vehículos
Vista da pasada edición do Salón do Automóbil organizado por Expourense e ACAUTO.
Vista da pasada edición do Salón do Automóbil organizado por Expourense e ACAUTO.
O 13ª Salón do Automóbil foi presentado este xoves en Expourense polo presidente de ACAUTO, Ramón Seijas Pérez, e polo director xerente de Expourense, Rogelio Martínez González. Na rolda de prensa tamén participaron o vicepresidente de ACAUTO, César Fernández Mosquera, o vicepresidente da Deputación Provincial de Ourense, César Fernández Gil, e o secretario xeral de Cáritas en Ourense, Javier Soto

O presidente de ACAUTO comentou que este salón “é unha cita clave na venda de vehículos anual en Ourense, reactiva o mercado e contribúe a rexuvencer o parque móbil da provincia situado nos 12,5 anos de media de antigüidade dos vehículos”. Tamén fixo un repaso pola situación do mercado de venda de vehículos na provincia de Ourense, que descendeu un 13% neste exercicio (12% de media no resto de Galicia).

En canto á primeira das dúas citas expositivas, o Salón do Vehículo Novo, todas as marcas presentes aproveitarán a súa presenza nesta cita para presentar os últimos lanzamentos e os vehículos que se van comercializar de cara a campaña do 2023. En total, participarán 15 empresas representando unha vintena de marcas que presentarán unha vintena de modelos novos. As marcas representadas son: Audi, BMW, Citroen, Cupra, Dacia, Ford, Hyundai, KIA, Mazda, Mercedes, Nissan, Opel, Peugeot, Porsche, Renault, Seat, Skoda, Toyota, Volkswagen e Volvo.

Tanto dende ACAUTO como dende Expourense indícase que tanto o Salón do Vehículo Novo como o de Vehículo de Ocasión son unha magnífica oportunidade (por calidade, cantidade, variedade e prezos especiais en feira) para aqueles que buscan un coche. Como incentivo para animar aos visitantes a axilizar o proceso de decisión, a organización volverá sortear, entre os visitantes que pechen a compra dun automóbil novo ou de ocasión nestas citas, un cheque regalo por importe de 6.000 euros a descontar do prezo de compra do vehículo adquirido.


 

Comentarios
O Salón do Automóbil de Ourense, cita clave para reactivar a venda de vehículos