SEGUNDO ENCONTRO DIXITAL PROMOVIDO POLO CONCELLO DE PONTEVEDRA E APE GALICIA

Reinicia Pontevedra analiza os novos valores dos clientes

A Concellería de Promoción Económica do Concello de Pontevedra e a Asociación de Autónomos e Pequenas Empresas APE Galicia celebraron este xoves o segundo encontro dixital do programa Reinicia Pontevedra, centrado nos novos valores dos consumidores.
Reinicia Pontevedra analiza os novos valores dos clientes
Encontro virtual da iniciativa Reinicia Pontevedra.
Encontro virtual da iniciativa Reinicia Pontevedra.

O coloquio deste xoves levaba por título “Novos valores: confiables, solidarios, sostibles”, e tratou sobre a incidencia da crise do covid-19 na sensibilidade dos consumidores, e o seu impacto sobre marcas e empresas. Os autónomos e pemes de Pontevedra que interviron foron Javier Varela, consultor experto en Marketing; Natalia Vieites, directora de Recursos Humanos de Digamel; Mauro Lomba, arquitecto; e César Fernández y Beatriz Mariño, de Meridian Style &Interiors. xuntoco coordinador do ciclo, Miguel Ángel Souto Fraga, consultor experto en Vendas e Marketing.

Nos encontros virtuais “Reinicia Pontevedra” analízanse temáticas transversais para o tecido comercial e económico de Pontevedra. Participan especialistas en xestión empresarial e autónomos e pemes da cidade, en diálogo, e compartindo experiencias. O próximo 18 de maio o tema a tratar é "Novo servizo ao cliente: da persoalización á loxística", o día 21 falarase das "Técnicas de venda e equipo comercial, hoxe"; o 25 de maio, de "Novas ideas de imaxe, publicidade e marketing"; o 28 de maio sobre "Estratexia de comunicación dixital e física", e como remate, o 1 xuño sobre "Estratexia dixital. Evita erros e rendibiliza a inversión".

Teñen lugar sempre os luns e os xoves, ás 15:30 por ser unha hora especialmente compatible para o maior número de sectores. As inscricións gratuitas pódense facer na web de APE Galicia, www.encontrosapegalicia.es e no teléfono 697 195 540.

Asesoramento personalizado

A segunda parte do programa Reinicia Pontevedra posto en marcha polo Concello de Pontevedra e APE Galicia son 25 asesoramentos individuais gratuitos.O seu obxectivo é enfocar con acerto a reapertura, a nova saída ao mercado, ou o plan de relanzamento. Neste asesoramento poderanse compartir dúas videoconferencias, dunha hora cada unha, con expertos en xestión empresarial.

Comentarios
Reinicia Pontevedra analiza os novos valores dos clientes