O 26 de abril, en Viveiro

A Red Localis estuda a normativa autonómica de impulso ás iniciativas empresariais

A Red Localis, en colaboración coa Vicepresidencia primeira e Consellería de Economía, Industria e Innovación e a Confederación de Empresarios de Lugo, organiza este mércores en Viveiro o I Ciclo de Xornadas de Dinamización Empresarial, para dar a coñecer as figuras previstas na normativa autonómica orientadas ao impulso das iniciativas empresariais que teñen por obxecto o fomento da innovación, a internacionalización e a competitividade. 
A Red Localis estuda a normativa autonómica de impulso ás iniciativas empresariais

O obxectivo deste encontro é difundir as claves normativas deseñadas pola Xunta de Galicia para a reactivación económica e as medidas organizativas previstas para a dinamización empresarial, destacando o papel da iniciativa galega de Concellos Emprendedores impulsada a través da Lei 3/2022, do 18 de outubro, de áreas empresariais de Galicia, na promoción da actividade empresarial. 

Os organizadores pretenden despexar dúbidas sobre a normativa de aplicación, a integración dos informes na tramitación administrativa local e o papel do persoal electo e técnicos municipais no impulso da reactivación económica de Galicia. Asemade daranse a coñecer as ferramentas previstas na normativa galega para o impulso da implantación de iniciativas empresariais e divulgar o contido e potencialidades para as empresas e administracións da Oficina Galicia Empresa.

A xornada abrirase coa intervención de Pablo Casal Espido, secretario xeral técnico da Vicepresidencia primeira da Xunta de Galicia. A continuación intervirá Paula Uría Traba, secretaria xeral de Industria, que abordará as actuacións levadas a cabo pola Oficina Galicia Empresa. 

Concepción Campos Acuña, secretaria de Administración Local e codirectora da Red Localis, centrará a súa participación nas entidades locais e o reto de simplificación administrativa, especialmente en como atraer o investimento e reforzar o tecido empresarial.

O papel da administración na implantación de empresas

A continuación haberá unha mesa redonda co obxecto de analizar desde unha perspectiva multidisciplinar o papel das administracións públicas na implantación e crecemento das empresas en Galicia. Intervirán Teresa Bernal Cortegoso, subdirectora xeral de Proxectos da Secretaria Xeral de Industria da Vicepresidencia primeira de Xunta; Manuel Ángel Otero Legide, alcalde de Mondoñedo; Pablo Martín Fernández Castro, xefe da área de Urbanismo e Medio Ambiente do Concello de Arteixo; Manuel Miranda Cadórniga, director xeral de Enmacosa Consultoría Técnica; David Gómez Rosa, empresario, e Jaime Luis López Vázquez, secretario xeral da Confederación de Empresarios de Lugo.

Pechara a xornada Francisco Conde López, vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación.

A Red Localis estuda a normativa autonómica de impulso ás iniciativas empresariais