Evento incluído no 50º aniversario dos estudos de Economía en Galicia

A Facultade de Económicas de USC acollerá un encontro de profesorado de Economía e Administración de Empresas

A conmemoración do 50 aniversario dos estudos de Economía en Galicia propicia un encontro entre profesores de Economía e Administración de Empresas de ensino medio e superior, que terá lugar o venres 26 de xaneiro na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da Universidade de Santiago 

A Facultade de Económicas de USC acollerá un encontro de profesorado de Economía e Administración de Empresas
Facultade de Ciencias Económicas e Empresariales da USC.
Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC.

A este encontro xa están apuntados máis de 80 docentes que compartirán coñecementos e experiencias, para a mellora e o desenvolvemento dos estudos de Economía e Empresa en Galicia e favorecer o achegamento entre eles.

Ao longo da xornada abordaranse distintos campos como os cambios da lexislación educativa e da economía dixital, distintas experiencias didácticas, a importancia das competencias transversais ou as necesidades por parte dos estudantes.

Outro dos obxectivos deste encontro é acadar a máxima difusión da X Olimpiada Española de Economía nos centros de ensino secundario, xa que a próxima edición da fase estatal celebrarase en xuño de 2018 na Universidade compostelá. Por iso, 14 docentes de fóra de Galicia, pertencentes á Xunta Directiva da Asociación Olimpíada Española de Economía, estarán presentes para a firma do acordo da Olimpíada.

Programa

A xornada  será inaugurada ás 9:30 horas polo reitor da Universidade de Santiago de Compostela, a decana da Facultade de Económicas, o coordinador do programa A Ponte da USC, o director xeral de Ensino Medio, e o secretario xeral de Universidades da Xunta de Galicia.

José Sande, profesor de Economía no IES Gil y Carrasco de Ponferrada, e profesor de Economía de la Empresa na Universidad Oberta de Cataluña, será o encargado de impartir o primeiro relatorio, sobre o reto da ensinanza da Economía coa LOMCE.

A continuación desenvolverase unha sesión de traballo sobre as competencias dos futuros profesionais da Economía, coa participación de Rafael Álvaro Millan Calenti e José Ramón Porto. A segunda sesión de traballo presentará dúas experiencias na aprendizaxe en Economía máis alá das aulas.

Xa en sesión de tarde, a terceira e última mesa de traballo analizará o modelo de ensino de Economía e a súa utilidade no futuro da mocidade, coa intervención de Dositeo Amoedo e José Manuel Sánchez Santos. 

A presentación da Olimpiada de Economía porá punto e final ao encontro. 

A Facultade de Económicas de USC acollerá un encontro de profesorado de Economía e Administración de Empresas