En Tomiño, do 15 ao 17 de marzo

As oportunidades de formación e emprego no agro centrarán a 16ª Mostra de Cultivos

A 16ª Mostra de Cultivos, que se celebrará entre o 15 e o 17 de marzo en Tomiño (Pontevedra) afondará nas oportunidades de formación e emprego no agro a ambas beiras do río Miño,

As oportunidades de formación e emprego no agro centrarán a 16ª Mostra de Cultivos
A 16ª Mostra de Cultivos do Baixo Miño terá lugar do 15 ao 17 de marzo en Tomiño.
A 16ª Mostra de Cultivos do Baixo Miño terá lugar do 15 ao 17 de marzo en Tomiño.

A Mostra de Cultivos do Baixo Miño chega á súa décimo sexta edición cun obxectivo claro: apostar pola profesionalización do sector agro abordándoa dun xeito transfronteirizo. Por este motivo, a Asociación Cultivos do Baixo Miño (acuBam) e o Concello de Tomiño en colaboración coa Eurocidade Cerveira-Tomiño desenvolverán durante a Mostra unha programación con contido específico transfronteirizo que terá como acción principal un workshop sobre ‘Oportunidades de formación e emprego no agro’ que contará coa colaboración de empresas e centros educativos de Galicia e do norte de Portugal.

Este workshop servirá para facer unha diagnose das necesidades formativas do sector, así como para informar ás empresas das modalidade formativas xa existentes a ambas beiras do río Miño, promovendo fórmulas para unha relación estable entre empresas e docentes e presentando a Bolsa de emprego agraria transfronteiriza. Ademais, esta actividade contará cunha xornada técnica sobre ‘O agro como motor de desenvolvemento sostible transfronteirizo’.

A programación transfronteiriza completarase coa presentación da misión comercial inversa transfronteiriza que se está a organizar co obxectivo de facilitar a materialización de relacións comerciais coas empresas do sector agrícola do norte de Portugal e do Baixo Miño.

Programa de actividades

A 16ª Mostra de Cultivos do Baixo Miño celebrarase do 15 ao 17 de marzo no pavillón municipal de Goián, organizada de forma conxunta por acuBam e o Concello de Tomiño. O eixo central desta nova edición xirará arredor do sector agrario no Baixo Miño como modelo de desenvolvemento sostible do territorio. “A situación actual do agro evidencia a necesidade de poñer en valor o sector, traballando nos conceptos de sustentabilidade social e ambiental, na colaboración e cooperación entre os diferentes grupos de interese, no diálogo, na implicación social e na veciñanza”, sinala a presidenta de acuBam, Patricia Rogríguez.

Serán tres días repletos de actividades divulgativas dirixidas a profesionais e a público xeral, Estarán presentes 32 expositores que amosarán as súas novidades ao público asistente. Así, o futuro chegará un ano máis da man de Acubam Innovación, un certame que chega á súa cuarta edición recollendo innovacións tecnolóxicas aplicables a calquera elo da cadea de valor do agro na comarca e que este ano amosará importantes novidades no sector.

Ademais, o público poderá asistir a calquera das catro mesas técnicas organizadas para a ocasión, na que se tratarán dende as cubertas axardinadas e a xardinería vertical, o agro como motor de desenvolvemento sostible transfronteirizo ou técnicas de control de impacto da vespa velutina na contorna ata o tema da auga no rural.

As oportunidades de formación e emprego no agro centrarán a 16ª Mostra de Cultivos