Do 13 ao 15 de marzo en Tomiño

A Mostra de Cultivos do Baixo Miño aumenta as actividades profesionais na súa 17ª edición

A Mostra de Cultivos do Baixo Miño celebrará a súa 17ª edición os días 13, 14 e 15 de marzo no pavillón municipal de Goián en Tomiño (Pontevedra).
A Mostra de Cultivos do Baixo Miño aumenta as actividades profesionais na súa 17ª edición
A a presidenta de acuBam, Patricia Rodríguez. e a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, presentaron a 17ª Mostra de Cultivos do Baixo Miño.
A a presidenta de acuBam, Patricia Rodríguez. e a alcaldesa de Tomiño, Sandra González, presentaron a 17ª Mostra de Cultivos do Baixo Miño.

Organizada de forma conxunta pola Asociación de Cultivos do Baixo Miño (acuBAM) e o Concello de Tomiño, a Mostra de Cultivos do Baixo Miño  fixo nesta edición un esforzo por “reinventarse” e por ofrecer un amplo e atractivo programa tanto para profesionais como para público xeral. “As necesidades da sociedade e do sector van mudando cos anos e cremos que era o momento de repensar a Mostra, de apoiar de xeito máis decidido o ámbito profesional e de reforzar tamén a súa visión social. Seguimos representando ao sector agro do Baixo Miño, pero ofreceremos unha nova perspectiva da que poderá desfrutar toda as persoas que se acheguen a un pavillón transformado en xardín verde”, salientou a presidenta de acuBam, Patricia Rodríguez.

Xa consolidada a nivel galego, coa nova programación “a Mostra da un paso máis que nos parece moi importante. Convértese nun evento máis profesional para as empresas e moito máis participativa, máis dinámica, máis aberta e máis lúdica para a veciñanza”, sinalou a alcaldesa de Tomiño, Sandra González.

Así, por primeira vez haberá dobre xornada de portas abertas en diferentes viveiros, unha con obxectivo profesional para empresas do sector da comarca e de fóra o venres 13 e outra aberta ao público en xeral o domingo 15, “unha oportunidade única para que a xente nos coñeza de primeira man pasando unha tarde en familia. Deste xeito tamén mesturamos agro e turismo, un nicho de mercado no que vimos traballando dende hai tempo e que acabará sendo unha realidade”, explicou Rodríguez.

Atendendo a unha cuestión que visitantes e veciñanza viña demandando dende hai tempo, a Mostra contará por primeira vez cun espazo de venda ao público durante os tres días que dura o evento. Na “Tenda da Mostra” todas as persoas interesadas poderán comprar produtos das empresas participantes no evento e levar a casa un anaco do Baixo Miño de xeito sinxelo e solidario, xa que unha parte da recadación irá destinada a San Xerome Emiliani.

Tamén por primeira vez habilitarase un lugar de encontro, o bar-cafetería ‘EntrePlantas’ “que achegará moito dinamismo á Mostra e que servirá para que os profesionais do sector que acoden a ela poidan facer negocios dun xeito máis distendido pero tamén para que as persoas visitantes desfruten doutra forma do evento”.

Asemade haberá  dúas conferencias impartidas por profesionais recoñecidos: Belén Varela, experta en organización do traballo e recursos humanos, falará sobre ‘Felicidade responsable: a ciencia e a práctica do bo traballo’ durante a conferencia inaugural da Mostra, e Pedro Pablo Gallego, profesor do Departamento de Bioloxía Vexetal e Ciencias do Solo da Universidade de Vigo explicará ‘Os retos de futuro do sector agro: agricultura 4.0’ na xornada do sábado.

Ademais, a Eurocidade Cerveira e Tomiño celebrará unha mesa de traballo sobre asociacionismo e o sector agro o domingo 15, e coñeceranse algunhas das novidades do sector con acuBam innovación. A entrega dos Premios Xardín Galego, exposicións, obradoiros prácticos e actividades lúdicas para grandes e cativos completan o programa de actividades da Mostra.

Comentarios
A Mostra de Cultivos do Baixo Miño aumenta as actividades profesionais na súa 17ª edición