No Día Mundial das persoas consumidoras

O Laboratorio de Consumo de Galicia achega o seu traballo ao estudantado

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez Abeal, visitou este mércores na Coruña o Laboratorio de Consumo de Galicia, que, no marco das celebracións do Día mundial das persoas consumidoras e usuarias abriu as súas portas para achegar o seu traballo ao estudantado.

O Laboratorio de Consumo de Galicia achega o seu traballo ao estudantado
A directora xeral de Comercio e estudantes do CPR Plurilingüe Compañía de María da Coruña no Laboratorio de Consumo de Galicia./M.FUENTES.
A directora xeral de Comercio e estudantes do CPR Plurilingüe Compañía de María da Coruña no Laboratorio de Consumo de Galicia./M.FUENTES.

Vázquez Abeal sinalou a importancia de achegar aos máis novos o labor que desenvolve este centro, lembrando que a Consellería de Economía, Emprego e Industria está a traballar xunto coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para ofertar aos centros educativos unha nova materia centrada no consumo responsable. Esta disciplina será de libre elección para o primeiro ciclo da ESO e espérase que se poida comezar a implantar o vindeiro curso académico nos centros que o soliciten.

O Laboratorio de Consumo de Galicia, situado no polígono da Grela, recibiu a visita de alumnos e alumnas do CPR Plurilingüe Compañía de María da Coruña, que puideron coñecer de preto o traballo que realiza cada un dos departamentos deste centro dependente da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

Grazas ao labor que desenvolve o Laboratorio de Consumo de Galicia, o único oficial público acreditado pola ENAC, en coordinación coa Inspección de Consumo, Galicia sitúase como líder na vixilancia e control do mercado, sendo unha das comunidades que máis produtos perigosos detecta cada ano.

Cando se constata que algún produto presenta riscos, procédese a notificar á Rede de alerta de produtos de consumo non alimenticios, un sistema de información que funciona a nivel nacional e europeo e que permite a rápida adopción de medidas de reacción coordinadas para garantir a seguridade dos consumidores, como a inmobilización do produto, a retirada do mercado ou a modificación daquelas características que o converten en inseguro.

79 alertas en 2016

Así, ao longo do pasado 2016, o Instituto Galego do Consumo e da Competencia comunicou á rede de alerta nacional un total de 75 produtos, situándose como a segunda autoridade autonómica de Consumo que realizou máis notificacións despois de Madrid. En total, desde Galicia notificáronse 79 produtos, correspondéndose dúas alertas a produtores e dúas ao Servizo Oficial de Inspección, Vixilancia e Regulación das Exportacións.

Entre os produtos notificados, cabe sinalar que 27 eran xoguetes, tendo en conta que nas análises e inspeccións se presta especial atención aos produtos destinados aos consumidores máis vulnerables.

O Laboratorio de Consumo de Galicia achega o seu traballo ao estudantado