Sensibilización sobre os riscos das substancias perigosas no traballo

O ISSGA súmase á Semana Europea para a Seguridade e a Saúde no Traballo coa celebración de catro xornadas técnicas

Galicia súmase á Semana Europea para a Seguridade e a Saúde no Traballo coa celebración de varias xornadas técnicas organizadas nas catro provincias polo Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA).

O ISSGA súmase á Semana Europea para a Seguridade e a Saúde no Traballo coa celebración de catro xornadas técnicas
Xornada técnica do ISSGA na Coruña.
Xornada técnica do ISSGA na Coruña.

A Axencia Europea de Seguridade e Saúde no Traballo promove cada ano en toda Europa unha campaña co obxectivo de fomentar lugares de traballo seguros e saudables na que se enmarca a Semana Europea para a Seguridade e Saúde no Traballo.  O lema da campaña 2018-2019 é "Traballos saudables: alerta fronte a substancias perigosas", que ten por obxectivo sensibilizar sobre os riscos que presentan as substancias perigosas no lugar de traballo e promover unha cultura de prevención de riscos para xestionar de forma máis eficaz ditos riscos. A campaña fai especial fincapé nos traballadores con necesidades especiais e diríxese aos traballadores vulnerables aos riscos.

Deste xeito, o ISSGA, como órgano técnico da Xunta en materia de prevención de riscos laborais, programou para esta semana catro xornadas técnicas. Este martes tivo lugar na Coruña a primeira que estivo centrada na exposición laboral a canceríxenos, mutáxenos e reprotóxicos. O mércores, o centro do ISSGA en Ourense acollerá unha xornada sobre as ferramentas para a xestión do risco químico e o xoves 25 o de Lugo celebrará unha charla sobre riscos laborais no almacenamento de produtos químicos. O venres 26 o centro de Pontevedra, emprazado en Rande, celebrará unha xornada sobre a bioseguridade.

O ISSGA, ademais, colabora co Instituto Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo (INSST) na xornada técnica que o xoves terá lugar en Madrid sobre substancias perigosas.

A iniciativa enmárcase na Estratexia Galega de Seguridade e Saúde Laboral 2017-2020 e no Plan de actividades do ISSGA 2018.

O ISSGA súmase á Semana Europea para a Seguridade e a Saúde no Traballo coa celebración de catro xornadas técnicas