A 14ª edición do pitching celebrouse de maneira virtual

O “I+P, Ideas para Producir” logrou 150 encontros de negocio

Con 150 encontros de negocio celebrados, a participación dunha vintena de executivos de destacadas canles de televisión, plataformas, distribuidoras e produtoras, e 18 proxectos de cine e televisión presentados conclúe unha edición online positiva do pitching “I+P, Ideas para Producir”, a xuízo do Clúster Audiovisual Galego.
O “I+P, Ideas para Producir” logrou 150 encontros de negocio
I+P Ideas para producir se celebra online los días 24 y 25 de noviembre.
I+P Ideas para producir celebrouse online os días 24 e 25 de novembro.

A 14ª edición do “I+P, Ideas para Producir”, organizada polo Clúster Audiovisual Galego, celebrouse os días 24 e 25 de novembro de maneira integramente virtual debido á pandemia do coronavirus, e nela participaron máis de 80 profesionais do audiovisual de toda España.

A directora xeral de Industrias Culturais, Propiedade Intelectual e Cooperación, Adriana Moscoso del Prado, clausurou a sesión de presentacións dos proxectos, xunto ao director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) da Xunta de Galicia, Jacobo Sutil. Durante a súa intervención, ambos coincidiron en reafirmar o apoio ao sector audiovisual por parte das respectivas administracións.

A representante do Ministerio de Cultura destacou a “contribución deste encontro para reforzar a profesionalización do sector, fomentar o emprego e xerar redes de traballo”. Así mesmo, sinalou a cultura como “unha das políticas panca da economía española”, e referiuse ás distintas liñas de axudas do seu departamento dirixidas ao sector audiovisual, así como aos proxectos que teñen en marcha.

Na súa intervención, tamén referenciou as cifras da industria audiovisual española correspondentes a antes da pandemia, “unhas cifras esperanzadoras” -sinalou- nas que destaca o incremento dos contidos de ficción. Neste sentido, Adriana Moscoso del Prado avanzou que “se segue a esperar un crecemento da industria”, ao mesmo tempo que se referiu ao proxecto do hub audiovisual que está previsto que se leve a cabo en España.

Pola súa banda, Jacobo Sutil salientou o papel desta iniciativa do Clúster Audiovisual Galego á hora de facilitar as alianzas creativas e empresariais desde a mesma orixe dos proxectos. Tamén sinalou o gran nivel dos 18 títulos seleccionados este ano, a maioría deles presentados por produtoras ou creadores galegos.

Unhas propostas que se presentaron diante da vintena de executivos do audiovisual que participaron na presente edición. Nestes días estiveron no pitching RTVE, Mediaset España, Atresmedia, Movistar+, AMC Networks, Grupo Euskaltel, as autonómicas CRTVG, TV3 e Aragón TV. Tamén asistiron as distribuidoras Filmax, A Contracorriente Films, DeAPlaneta e Treeline Distribution, ou produtoras como Portocabo.

Os pitchs celebráronse tralo acto de apertura da xornada do martes, no que participaron o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; e a concelleira de Promoción Económica da cidade, Yoya Blanco, xunto ao presidente do Clúster, Jorge  Algora.

Ao longo das dúas xornadas do evento mantivéronse arredor de 150 encontros bilaterais nos que os proxectos e as empresas tiveron ocasión de intercambiar impresións, ampliar a información dos traballos expostos e establecer posibles contactos comerciais.

O “I+P, Ideas para Producir” logrou 150 encontros de negocio