Celébrase en Ourense entre o 31 de marzo e o 2 de abril

O “I Congreso internacional de drons” analizará tecnoloxía, servizos e oportunidades de emprego no sector

Ourense acollerá a primeira edición do Congreso Internacional de Drons, que organiza a Asociación Galega de Enxeñeiros Técnicos de Telecomunicacións coa colaboración da Deputación de Ourense, e que terá lugar do 31 de marzo ao 2 de abril.

O “I Congreso internacional de drons” analizará tecnoloxía, servizos e oportunidades de emprego no sector
David Saavedra, Manuel Baltar e José Manuel Martínez presentaron o Congreso de drons./A.PAZ.
David Saavedra, Manuel Baltar e José Manuel Martínez presentaron o Congreso de drons./A.PAZ.

Tres días nos que por primeira vez se reunirán técnicos, empresarios e entusiastas desta innovación tecnolóxica, que analizarán os últimos avances no sector, as aplicacións nos servizos, as liñas de investigación e as diferentes oportunidades de emprego e negocio que ofrecen os drons.

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, presentou o congreso xunto ao presidente da Asociación de enxeñeiros técnicos de Telecomunicacións e delegado do COITT en Galicia, José Manuel Martínez. Baltar destacou que o apoio do goberno provincial a esta iniciativa “é inherente á actividade que vimos desenvolvendo desde a Deputación en innovación no sector dos drons”, e lembrou o convenio que o ente provincial ten asinado con Aerocamaras para poder acreditar pilotos de drons, por parte da Axencia Estatal de Seguridade Aérea (AESA), “tendo certificado o Pazo de Vilamarín como campo de voo e aula de formación, na que levamos impartidas 21 edicións e acreditado a 450 persoas”, explicou Baltar.

José Manuel Martínez agradeceu o apoio da Deputación de Ourense para poder levar a cabo este evento e explicou que agarda unha participación no congreso dunhas mil persoas, “pois xa recibimos solicitudes de España e outros países, as máis numerosas de Francia e Portugal”. O evento reunirá a expertos de sectores como o agrícola, marítimo, seguridade e telecomunicacións, quen exporán as posibilidades que ofrecen os drons e as súas aplicacións profesionais. Haberá relatorios sobre as aplicacións de drons para agricultura de precisión, busca de bancos pesqueiros, topografía, seguridade e xeo-localización, lexislación e deporte.

O Congreso está dirixido a empresas, centros de investigación, organismos e institucións, fabricantes, distribuidores, investigadores, universidades e público en xeral.

O “I Congreso internacional de drons” analizará tecnoloxía, servizos e oportunidades de emprego no sector