V Reunión Casal de Armán

Expertos propoñen un cambio na gobernanza do medio rural

Unha trintena de expertos en entidades locais asistiron este xoves á V Reunión Casal de Armán convocada polo Foro Económico de GAlicia para debater sobre a gobernanza do medio rural.
Expertos propoñen un cambio na gobernanza do medio rural
Algún dos expertos que asistiron á V Reunión Casal de Armán.
Algún dos expertos que asistiron á V Reunión Casal de Armán.
A primeira conclusión desta reunión de expertos é que algo está a cambiar no medio rural, os recursos ambientais, así como boa parte do patrimonio cultural concéntranse no ámbito rural, só isto supón un dinamismo que se viu acrecentado pola pandemia do covid-19. Parece evidente que a transición demográfica introduce o desafío de acelerar os procesos, entre eles, o da transición ecolóxica, que está dirixida claramente cara ao medio rural. As novas estratexias na competencia internacional traballan con variables de desenvolvemento económico equilibrado do que volverán formar parte zonas ata hai pouco esquecidas. Tamén a dixitalización e o impulso da economía sostible abren un novo escenario con claras oportunidades de crecemento.

Con todo a lista de carencias nunha xestión coherente do rural en comparación ao urbano é extensa. A primeira é a derivada dunha organización da gobernanza  multinivel desconectada e ineficiente. A  superposición administrativa de políticas públicas, normativas, incentivos, etc provoca unha xestión ineficiente. De aí a primeira recomendación dos expertos reunidos en Casal de  Armán: a necesidade dun cambio de paradigma do modelo de toma de decisións que permita adoptar técnicas adecuadas que permitan obter a maior eficiencia para o mundo rural.

Un dos expertos convidados en entidades locais, Serafín Pazo Vidal, responsable de política europea da Convención de Autoridades Locais Escosesas (COSLA), expuxo o exemplo de Escocia, un territorio moito mais grande que Galicia pero con menos concellos que a miúdo se sinala como caso de  éxito. Pazos matizou  que a mellora na xestión non estriba no número de concellos senón da repartición de competencias. Trátase de equilibrar o tamaño do concello coas competencias que pode xestionar e tamén das fórmulas de financiamento dos servizos.

Tamén a fusión de concellos como fórmula para mellorar a xestión de servizos aos cidadáns, foi comentada. Ao respecto o director do Foro Económico de Galicia, Santiago Lago, afirmou que non cree que a fusión xeralizadas e obrigatorias sexan a panacea para a xestión municipal. “Hai que ser pragmáticos e analizar caso a caso.”

O presidente do Foro Económico, Emilio Pérez Nieto, fixo fincapé na falta de formación dos cidadáns do rural, “o campo está ausente da Formacion Profesional, os gandeiros e agricultores non teñen a formación necesaria, existe unha clara fenda entre zonas urbanas e rurais.”

A directora xeral de Agader, Inés Santé Riveira presentou o proxecto para a recuperación e posta en valor de terras, unha iniciativa estruturada en dous eixos: a dixitalización do medio rural e a formación dos axentes económicos.

Á V Reunión Casal de Armán, un encontro baixo a coordinación da profesora da USC, María Cadaval, asistiron unha trintena de expertos en entidades locais, desde o ámbito académico (Santiago Lago, Mar Pérez  Fra, da Universidade de Vigo e da USC),  á xestores públicos (Elena Candia, exalcaldesa de Mondoñedo e deputada do Parlamento de Galicia,  María González-Albert, exalcaldesa da Rúa e deputada do Parlamento de Galicia,  Inés Santé, directora xeral de Agader e Xaquín Fernández Leiceaga, senador ) e axentes que traballan no mundo local como Xosé Lois Lamazares, de Daveiga, e Antonio Rodríguez Corbal, do C.D. R. O Viso. 

O evento foi pechado polo membro do Foro, Edelmiro López Iglesias.

Expertos propoñen un cambio na gobernanza do medio rural