Do 19 ao 23 de setembro

A Estrada será de novo capital do moble de Galicia

A 32ª Feira do Moble de Galicia terá lugar no recinto feiral da Estrada do 19 ao 23 de setembro.

A Estrada será de novo capital do moble de Galicia
Sol Vázquez, Xosé López e Nemesio Rey presentaron a 32ª Feira do Moble de Galicia.
Sol Vázquez, Xosé López e Nemesio Rey presentaron a 32ª Feira do Moble de Galicia.

A Estrada volverá converterse do 19 ao 23 de setembro de 2018 na capital do moble de Galicia cunha cita de referencia para as principais firmas do sector e para calquera persoa que queira amoblar o seu fogar ou calquera empresario/a que queira equipar o seu negocio. Na 32ª Feira do Moble de Galicia participarán 65 firmas expositoras, que proveñen maioritariamente de Galicia, e 15 delas da Estrada e da súa contorna. Ademáis, haberá presenza de compañías de Madrid, País Vasco, Asturias, Castilla-La Mancha, Comunitat Valenciana e tamén de Portugal.

Nunha rolda de prensa ofrecida no recinto da Fundación de Exposicións e Congresos da Estrada, o xerente da Fundación, Nemesio Rey, destacou que “os visitantes, sexan familias ou profesionais de áreas como a arquitectura, a decoración ou o interiorismo, poderán atopar todo o que precisan para amoblar e equipar o seu fogar ou o seu negocio, xa que as empresas que traballan no mercado do contract tamén terán o seu protagonismo”.

Nesta liña incidiu tamén o alcalde da Estrada e vicepresidente do padroado da Fundación, José López, que quixo poñer en valor que “o sector do moble e da madeira na Estrada está no seu mellor momento histórico”. "As grandes fábricas de produción da Estrada están en máximos históricos de facturación e teñen capacidade para amoblar desde o barco de cruceiros máis luxoso ata os mellores hoteis do mundo” afirmou o rexedor. Por iso, avogou por “fuxir de vitimismos” e, se ben considerou que “é necesaria a autocrítica e a reflexión para aprender dos erros”, aplaudiu “os cambios e as melloras substanciais na feira para achegarlle unha nova proposta aos visitantes”. “Aínda que houbo 31 edicións anteriores, esta feira será a edición número 1 dunha nova etapa”, remarcou López.

“Penso que agora estamos no camiño correcto, no que esta fundación ten que ser un organismo útil para o sector, de forma que sexa o medio que permita que o propio sector poida ter un escaparate para presentar as súas propostas”, afirmou o alcalde estradense, antes de engadir que “ábrese un horizonte máis interesante do que poidamos ver nos últimos anos”.

Novidades: espazo contract

O mobiliario, o interiorismo e a decoración centran un encontro que ten entre as súas principais novidades un novo espazo dedicado ao contract, unha canle de distribución para empresas que traballan no equipamento de edificios para clientes institucionais ou empresariais.

Na presentación da feira participou a directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez, quen salientou o apoio da Xunta a este encontro polo seu papel na dinamización económica do sector, tanto deste o punto de vista dos fabricantes como das compañías que se dedican á súa comercialización. A directora xeral ecoñeceu “o gran esforzo realizado, tanto visualmente como no concepto da feira” e animou aos galegos a visitar o recinto feiral porque “o que vai atopar o visitante é unha feira distinta, que busca chegar non só ao consumidor final senón tamén a aqueles profesionais que poidan ser usuarios do sector do contract”.

Durante a 32ª Feira do Moble tamén haberá charlas informativas e a demostración dun simulador virtual de vernizado do proxecto Eramus+ FUTUREfacing, no que participa a Xunta, así como showcookings e sorteos de agasallos.

A Estrada será de novo capital do moble de Galicia