Na Universidade de Santiago de Compostela

Entréganse os premios 'Jesús Garcíar Calvo' e 'Valentín Paz Andrade'

O Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia da USC (IDEGA) vén de entregar os premios 'Jesús García Calvo' de investigación en desenvolvemento rural, e 'Valentín Paz Andrade' de investigación en economía de Galicia, convocado conxuntamente co Consello Económico e Social.

Entréganse os premios 'Jesús Garcíar Calvo' e 'Valentín Paz Andrade'
Na primeira fila, os premiados: Telmo Otero, Xosé A. Rodríguez, Fidel Martínez Roget e Pilar González-Murias, e Francisco Cebreiro.
Na primeira fila, os premiados: Telmo Otero, Xosé A. Rodríguez, Fidel Martínez Roget e Pilar González-Murias, e Francisco Cebreiro.

A quinta edición dos premios ‘Jesús García Calvo’ de investigación en desenvolvemento rural, que nesta edición conmemorou ademais o 50 aniversario de Feiraco, foi para foi Telmo Otero Rodríguez polo traballo ‘Orixe e consolidación da especialización láctea en Galicia. Unha análise de cara ao presente e ao futuro do rural galego (1930-2017)’.

Pola súa banda, o Premio ‘Valentín Paz Andrade’ na modalidade de tese de doutoramento premiaou a Francisco Cebreiro Ares co traballo ‘Circulación monetaria e crédito en Galicia ao final do Antigo Réxime’. O xurado destacou “a relevancia do obxecto de estudo, a orixinalidade do enfoque e o rigor metodolóxico, abordando un tema escasamente analizado ata agora e sobre o que esta tese fai unha contribución sobresaliente”.

Na modalidade de traballos en revistas ou editoriais, recoñeceuse o traballo de Xosé A. Rodríguez, Fidel Martínez Roget e Pilar González-Murias, co artigo ‘Length of stay: evidencefrom Santiago de Compostela’ publicado na revista Annals of Tourism Research. Na concesión, o xurado destacou “o carácter novidoso do traballo e a súa exhaustividade, cunha rigorosa análise estatística que permite tirar conclusións relevantes para o deseño da política turística na área de Santiago de Compostela”.

Na entrega de premios, presidida polo reitor da Universidade de Santiago, Antonio López, participaron a presidenta do Consello Económico e Social de Galicia, Corina Porro Martínez; o presidente da Fundación Feiraco, José Montes Pérez; e o director do IDEGA, Alberto Meixide Vecino.

Relatorio a cargo do profesor Edelmiro López

Con anterioridade á entrega protocolaria de premios, o profesor Edelmiro López Iglesias presentou o relatorio ‘As transformacións socioeconómicas de Galicia nos último medio século: un proceso histórico á espera dun relato’. O profesor López advertiu da falta dunha interpretación do sucedido nas últimas décadas en Galicia en relación á súa realidade socioeconómica. Na súa opinión a falta dun relato global que sintetice os cambios acontecidos “aboa o terreo para que sigamos prisioneiros de relatos antigos e que perduren imaxes xa superadas que idealizan o pasado ou traen visións tópicas”. Para acadar ese relato o profesor Edelmiro López apelou á necesidade de “poñernos de acordo sobre os feitos”, en canto “un relato compartido sobre pasado e presente é a base dun proxecto colectivo de futuro”.

Entréganse os premios 'Jesús Garcíar Calvo' e 'Valentín Paz Andrade'