A Xunta ofrece un curso de formación sobre a nova normativa estatal

Empresas compostelás coñecen as súas obrigas legais en materia de igualdade

A Asociación Área Empresarial do Tambre celebrou este luns un webinar gratuíto sobre as obrigas empresariais en materia de igualdade, en colaboración coa empresa Quality Consultores, que foi seguido por unha vintena de empresarios e traballadores.
Empresas compostelás coñecen as súas obrigas legais en materia de igualdade
A directora Xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, no webinar da Asociación Área Empresarial do Tambre.
A directora Xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha, no webinar da Asociación Área Empresarial do Tambre.

 A xornada, que se transmitiu por streaming, foi presentada pola vicepresidenta da Asociación Área Emprearial do Tambre, Flor Mariño Riveiro. O obxectivo deste encontro online era facilitarlle información e ferramentas ás empresas para cumprir coa lexislación vixente en materia de igualdade. Os relatores foron a directora Xeral de Relacións Laborais da Consellería de Emprego e Igualdade, Elena Mancha, e o responsable do departamento de Consultoría de Quality Consultores, Gonzalo Abelenda, axente de igualdade, técnico na implantación de plans de igualdade e auditor salarial, tempo de traballo e igualdade na empresa. Participaron na xornada unha vintena de empresarias e traballadores da área empresarial santiaguesa.

Elena Mancha informou sobre os recursos dos que dispón a Xunta para facilitar a empresas e traballadores a implantación de medidas para avanzar cara á igualdade laboral. A directora xeral de Relacións Laborais informou da apertura do prazo de inscrición nun curso de formación que a Administración autonómica impartirá entre o 11 de maio e o 1 de xuño para axudar ao tecido empresarial a adaptarse á nova normativa estatal en materia de igualdade. Trátase dunha iniciativa na que Galicia é pioneira e que foi deseñada no seo do Diálogo Social para facilitar coñecementos sobre a negociación dos plans de igualdade, diagnose, igualdade retributiva, medidas para fomentar a igualdade laboral e protocolos para loitar contra o acoso sexual e por razón de sexo. A Xunta expedirá un certificado para aqueles participantes que aproben os correspondentes test.

Esta iniciativa inclúe unha plataforma de teleformación para facilitar o acceso ao contido da cualificación. Nela porase acceder ás gravacións da formación e contará cun sistema de titorización cos mesmos profesores “de modo que de xeito moi sinxelo se poida obter unha formación mínima para iniciar unha negociación en igualdade”, apuntou Mancha.

A directora xeral, así mesmo, avanzou que nas próximas semanas a Xunta convocará axudas para fomentar nas empresas galegas a implantación de plans de igualdade, o teletraballo e a flexibilidade horaria e sinalou que a igualdade de oportunidades supón unha mellora da competitividade das empresas, tal e como o demostran numerosos estudos.

Apuntou, ademais, que a Xunta está fomentando políticas de emprego e igualdade “tendo sempre presente a mellora do emprego feminino, xa que supón un beneficio para as mulleres e para as empresas”. Así mesmo, indicou que “na Xunta de Galicia estamos convencidos de que a igualdade é futuro, avance e xustiza social” e matizou que “o Goberno galego está totalmente comprometido coa igualdade laboral”.

Análise das obrigas legais

Pola súa parte, Gonzalo Abelenda realizou unha análise das obrigas legais das empresas con menos de 50 empregadas e empregados en materia de igualdade, explicando os protocolos contra o acoso, as medidas específicas para garantir a igualdade de trato nas empresas, é dicir, o que se coñecen como protocolos de igualdade, e o rexistro salarial. Igualmente, Abelenda fixo unha análise das obrigas legais das empresas con máis de 50 empregadas e empregados, centrándose principalmente nos plans de igualdade.

O experto indicou que un plan de igualdade ten como finalidade eliminar calquera tipo de desigualdade ou discriminación que poida darse nunha organización por razón de sexo, así como integrar a igualdade de trato e oportunidades entre mulleres e homes como un beneficio básico da organización e como eixo dos procedementos de xestión. “Un plan de igualdade debe propiciar a eliminación dos desequilibrios e desigualdade de mulleres e homes”, argumentou. Ademais, engadiu que un plan de igualdade correcto debe recoller un conxunto de obxectivos, medidas e accións, planificadas e con coherencia entre las, para avanzar no alcalde da igualdade entre mulleres e homes.

Gonzalo Abelenda asegurou tamén que a implantación dun plan de igualdade trae consigo numerosas vantaxes, como a retención do talento ao optimizar os recursos humanos aproveitando a importante formación das mulleres e os seus bos resultados; a mellora do clima laboral e un aumento da reputación interna da compañía entre o cadro de persoal; a preparación para o futuro dos equipos de traballo que se fan máis adaptables a novas formas de traballo; ou a reputación e mellora da imaxe da empresa, “máis actual, comprometida e socialmente valorada”. Finalmente, Abalenda indicou as sancións ás empresas que non compren coa lexislación en materia de igualdade.


 

Comentarios
Empresas compostelás coñecen as súas obrigas legais en materia de igualdade