O Foro Económico de Galicia cítase no Parador de Muxía

Debates ao redor da industria e da administración, na primeira xornada da Reunión Anual do Foro

Tras dous anos de parón por mor da pandemia, a XI Reunión Anual do Foro Económico de Galicia xunta este xoves e venres no Parador de Muxía a medio cento de expertos, académicos, empresarios, responsables da Administración Pública e entidades bancarias co obxectivo de analizar os retos aos que se enfronta Galicia.
Debates ao redor da industria e da administración, na primeira xornada da Reunión Anual do Foro
Asistentes á XI Reunión anual do Foro Económico de Galicia, que se celebra no Parador de Muxía.
Asistentes á XI Reunión anual do Foro Económico de Galicia, que se celebra no Parador de Muxía.

A primeira xornada de traballo arrincou coa presentación de tres documentos. O primeiro, “A crise industrial de Galicia: mito ou realidade?", un informe exhaustivo sobre a realidade industrial de Galicia en todas as ramas produtivas, desde a industria cárnica, a madeira, o téxtil, a automoción ata a metalurxia ou a industria farmacéutica. O estudo toma o pulso da industria galega na súa dimensión da facturación e do emprego xerado.

O traballo foi elaborado polos membros do Foro Económico Fernando González Laxe, Santiago Lago Penas, Patricio Sánchez e José Francisco Armesto Pina, e os comentarios ao documento foron realizados por María Montalvo, da empresa Freire Irmáns, Daniel Hermosilla, do Grupo Rodiñas, e Julio Iglesias, da empresa Revi.

No debate, algúns empresarios insistiron nos retos globais e nas oportunidades que se abren cara ao exterior, pero tamén na necesidade dun entorno facilitador, con menos burocracia e maior seguridade xurídica, sen esquecer o reto demográfico e o acceso ao solo industrial. En definitiva apelouse á necesidade dun ambiente amable, dende o punto de vista económico, en Galicia para enfrontar ao retos actuais e futuros.

O director do Foro, Santiago Lago, indicou que “Galicia non é un páramo industrial”; malia que é certo que existen empresas en crise, no conxunto, o comportamento é positivo grazas a resposta das empresas familiares galegas.

O segundo documento, “A reforma que a Administración necesita: propostas para o SXXI” foi presentado pola súa autora, Concepción Campos Acuña e comentado por Dolores Martínez, de Galuresa. Trátase dunha reflexión sobre a xestión da Administración Pública, que deriva nunha listaxe de 13 medidas para adaptar os servizos ás necesidades do noso tempo.

Finalmente, a primeira xornada de traballo pechouse coa exposición do informe “Balance e perspectivas”, un traballo elaborado por Santiago Lago e Patricio Sánchez pola Universidade de Vigo, o economista Francisco Carballo pola Universidade do Minho e María Bastida, da Universidade de Santiago de Compostela e que contou coa moderación de Marcos Gómez Paz, representante de Cruz Vermella.

Axenda do venres

O venres o director da Axencia Tributaria (AEAT), Jesús Gascón, impartirá a conferencia "Retos da Administración Tributaria nun contexto de cambio". Jesús Gascón terá como moderador ao conselleiro de Facenda e Administración Pública da Xunta de Galicia, Miguel Corgos López-Pardo.

Para finalizar estes dous días de traballo, o presidente de RENFE, Isaías Táboas Suárez, ofrecerá unha conferencia co título “RENFE: presente e futuro da mobilidade sostible” que será comentada por Álvaro Sánchez Manzanares, secretario xeral de portos do Estado e moderada por Víctor Nogueira, presidente do Grupo Nogar.




 

Debates ao redor da industria e da administración, na primeira xornada da Reunión Anual do Foro