O prazo de presentación, ata o 20 de outubro

Convocan a 8ª edición dos Premios TFG José Manuel Pérez Canal

A Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense e o Colexio de Economistas de Ourense convocan unha nova edición dos Premios TFG José Manuel Pérez Canal, que distinguen cada curso académico os mellores traballos fin de grao presentados por alumnado dos graos que se imparten na facultade ourensá.
Convocan a 8ª edición dos Premios TFG José Manuel Pérez Canal
Vista da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense.
Vista da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo do campus de Ourense.

Trátase da oitava edición duns galardóns que o pasado ano pasaron a denominarse Premios TFG José Manuel Pérez Canal en homenaxe ao falecido presidente da Confederación Empresarial de Ourense. Para optar aos premios é necesario ter unha cualificación mínima de nove por parte do tribunal que avaliou o traballo fin de grao, que tivo que ser presentado no curso 2019/2020.

Os TFG, indícase na convocatoria, deberán “abordar temas relativos aos problemas económicos e de índole empresarial, sobre aspectos teóricos ou empíricos, que contribúan á análise e formulación de alternativas para a súa solución”. Sen que sexa condición necesaria nin excluínte, tamén se indica que se valorará a súa aplicación práctica e a orientación cara temas vinculados coa provincia de Ourense. Ademais, terase en conta o rigor científico e metodolóxico das análises efectuadas nos traballos presentados, que deberán ser orixinas e inéditos e non estar pendentes de resolución en ningunha outra convocatoria. Non poderán participar propostas que teñan sido premiadas en calquera outra convocatoria.

O prazo de presentación de candidaturas está aberto ata o 20 de outubro deste ano.

Para os graos de Turismo e Administración e Dirección de Empresas

Outorgarase un primeiro premio e dous accésit para os traballos presentados por alumnado do Grao en Administración e Dirección de Empresas e un primeiro premio e un accésit para os traballos presentados por estudantes do Grao en Turismo. Todos estes premios consistirán na publicación dos traballos en papel por parte da Deputación de Ourense, entrega de certificados e un ano de asistencia gratuíta aos cursos de formación impartidos directamente polo Colexio de Economistas de Ourense (valorados en 500 euros). Asemade, o primeiro premio obterá unha tablet e se a persoa galardoada cumpre cos requisitos, un ano de colexiación gratuíta no Colexio de Economistas de Ourense. Os TFG premiados poderán igualmente ser publicados en formato electrónico nas webs das dúas entidades promotoras desta iniciativa. 

O xurado dos Premios TFG José Manuel Pérez Canal 2020 estará integrado polas decanas tanto do Colexio de Economistas de Ourense como da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo e por outros dous membros de cada unha das entidades promotoras.

Comentarios
Convocan a 8ª edición dos Premios TFG José Manuel Pérez Canal