EN EXPOURENSE, DO 3 AO 5 DE MARZO

O comercio ourensán cítase na Mostra da Oportunidade

A Mostra da Oportunidade chega a súa 24ª edición ofrecendo os mellores prezos e vantaxes en milleiros de artigos que converterán o recinto feiral de Expourense, entre o venres 3 e o domingo 5 de marzo, nun gran centro comercial que servirá para poñer o punto final ao período de rebaixas da tempada.

O comercio ourensán cítase na Mostra da Oportunidade
Presentación en Expourense da 24ª Mostra da Oportunidade.
Presentación en Expourense da 24ª Mostra da Oportunidade.

O comercio é un dos principais motores económicos e sociais da provincia de Ourense e citas como a Mostra contribúen a dinamizar as vendas e a captar novos clientes fora da súa área de influencia habitual. A Mostra é unha cita moi consolidada que conta cun alto índice de fidelidade tanto por parte do expositor como por parte do público que busca realizar as mellores compras do ano.

Segundo expresou a directora adxunta de Expourense, Emma González, durante a presentación desta cita, “os expositores virán con ofertas excepcionais xa que, segundo indican dende o sector, a tempada de rebaixas non terminou de cubrir as expectativas, o que vai levar a que veñan con bo produto a prezos moi competititvos”.

Preséntase unha feira cun cento de expositores que ofrecerán os prezos máis competitivos nunha vintena de sectores. A moda volverá contar coa maior representación nesta cita, sumando máis do 50% dos expositores entre téxtil, calzado, pel, lencería, mercería, bixutería e complementos, destacando a oferta en roupa e calzado infantil. O fogar, con ampla variedade en moble, decoración, descanso ou menaxe ocupa o segundo lugar seguido por outros sectores como a xardinería ou a alimentación. Como novidade nesta edición, haberá expositores vencellados coa fotografía, a moda nupcial e cerimonia e tamén coas motos e karts.

O salón estará aberto as tres xornadas en horario ininterrompido de 11 a 21 horas.

Comentarios
O comercio ourensán cítase na Mostra da Oportunidade