Este xoves 27, ás 19 horas, na sede da Deputación de Pontevedra en Vigo

Charla sobre o impacto do cambio climático e da saúde na economía

A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) e a Deputación de Pontevedra continúan este xoves, 27 de maio, ás 19 horas, coa terceira sesión do “II Ciclo de Conferencias Aida Fernández Ríos”, unha actividade destinada a espertar o interese do gran público sobre temas de actualidade científica con repercusión social.

Charla sobre o impacto do cambio climático e da saúde na economía
Beatriz González López-Valcárcel, catedrática de Métodos Cuantitativos en Economía e Xestión da Universidad de Las Palmas.
Beatriz González López-Valcárcel, catedrática de Métodos Cuantitativos en Economía e Xestión da Universidad de Las Palmas.

O presidente da RAGC, Juan Lema, e a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, inaugurarán esta xornada, moderada pola vicepresidenta da RAGC e coordinadora do ciclo, Alicia Estévez, que se celebrará ás 19 horas na nova sede da Deputación de Pontevedra en Vigo, de xeito semipresencial e en formato webinario. Ademais asistirán diversos deputados e outras autoridades, como a directora da Misión Biológica do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC), Elena Cartea, e o presidente do CSIC en Galicia, Antonio de Ron Pedreira.

A primeira charla da xornada versará sobre “O difícil equilibio entre saúde e economía. O caso da covid-19”, impartida por Beatriz González López-Valcárcel, catedrática de Métodos Cuantitativos en Economía e Xestión da Universidad de Las Palmas de Gran Canaria e académica correspondente da RAGC.

España está entre os países máis afectados pola pandemia mundial do coronavirus. Na charla explórase a interface entre saúde e economía, o impacto da covid-19 en termos de custos, e os seus tipos, os efectos económicos a curto prazo (2020-2021) e a medio prazo, e o custo-efectividade das estratexias de prevención baseadas en test-rastrexo e illamento.

O transfondo económico das estratexias de vacinación tamén será brevemente analizado por Beatriz González desde a dobre perspectiva de política de saúde e política económica. Pensando no longo prazo, analizará a posibilidade de profundar nos cambios necesarios no sistema sanitario dentro do marco do programa Next Generation para a recuperación en Europa. Unha vez identificadas as consecuencias e posibilidades a curto e largo prazo, a relatora concluirá abordando os efectos directos e indirectos da covid-19 sobre as desigualdades interpersoais, tanto no que concirne a desigualdades sociais en saúde como ás desigualdades económicas.

A segunda charla da xornada tratará os “Aspectos económicos do cambio climático e da súa mitigación”, e estará a cargo do catedrático de Economía do Departamento de Economía Aplicada da Facultade de CC. Económicas da Universidade de Vigo, Xavier Labandeira Villot.

O cambio climático é un dos principais desafíos ao que se ten que enfrontar a humanidade nas próximas décadas. Esta conferencia ofrecerá unha visión ampla das causas, implicacións económicas dos danos polo cambio climático e da efectividade e impactos socio-económicos de distintas alternativas para abordar este problema.

Segundo Labandeira, ademais da preparación para os impactos negativos asociados a un fenómeno con abundantes irreversibilidades, os próximos anos serán cruciais para o desenvolvemento e aplicación de estratexias efectivas para evitar unha expansión e agravamento deste problema. “A ciencia económica xoga, na actualidade, un papel fundamental tanto no cómputo dos impactos do cambio climático como na formulación e avaliación de políticas correctoras ou de mitigación” –indica–. Porén, Labandeira Villot engade que non será posible abordar o tránsito a sociedades descarbonizadas sen unha mudanza radical no tecido económico e infraestrutural das nosas sociedades.

O prazo de inscrición para participar gratuitamente en todas as conferencias está aberto na páxina web da Deputación de Pontevedra.

Ciclo de conferencias

O II Ciclo de Conferencias Aida Fernández Ríos consta de dous bloques, un primeiro con dez relatorios impartidos por once expertos entre abril e xullo, e un segundo bloque con cinco conferencias presenciais en institutos de Secundaria e Bacharelato durante o inicio do curso académico 2021-2022 –de setembro a decembro–.


 

Comentarios
Charla sobre o impacto do cambio climático e da saúde na economía