En colaboración co Foro E. Peinador e coa Secretaría Xeral de Política Lingüística

A CEG aborda as oportunidades do galego como ferramenta empresarial

A sede da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) acolleu a xornada “Galego e empresa: abrindo novos mercados” organizado en colaboración co Foro E. Peinador e coa Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística.

A CEG aborda as oportunidades do galego como ferramenta empresarial
Xosé González, Antonio Fontenla e Valentín García, na xornada organizada na CEG.
Xosé González, Antonio Fontenla e Valentín García, na xornada organizada na CEG.

Durante a xornada – na que participaron representantes de distintas empresas galegas – abordouse o uso do galego como unha ferramenta de competitividade, crecemento e apertura de novas oportunidades de negocio.

Antonio Fontenla Ramil, representante da Xunta de Vicepresidentes da CEG, destacou as oportunidades que ofrece o galego pola súa proximidade lingüística co portugués que facilita o contacto con máis de 250.000.000 de persoas. Pola súa banda, Xosé González Martínez, presidente do Foro E. Peinador, sinalou que o galego é un elemento diferenciador para as máis de 200 marcas que etiquetan actualmente os seus productos en galego. “O simple feito de etiquetar en galego dálle un valor engadido ao producto xa o que consumidor ve un artigo de calidade e de proximidade”, sinalou Xosé González.

No acto tamén interviron Xosé Turnes, director xeral de Progando, e Lito Andión, presidente da Cooperativa Hoxe; que expuxeron as súas experiencias sobre a implantación do galego nas súas marcas. Os dous coincidiron en sinalar que a lingua galega é unha ferramenta empresarial que abre novos mercados e que axuda a consolidarse dentro do territorio. “O galego vende. O galego é rendible. O consumidor asocia o producto galego cun producto de calidade”, indicou o presidente da Cooperativa Hoxe.

Encargouse de pechar o acto Valentín García Gómez, Secretario Xeral de Política Lingüística, quen animou aos empresarios e empresarias a que introduzan o galego nos seus negocios xa que “é un vehículo que os conecta con novos espazos e con novas economías emerxentes de fala portuguesa”.

A CEG aborda as oportunidades do galego como ferramenta empresarial