Ciclo de conferencias da Cátedra de Empresa Familiar da UDC

Carmen Lence apela ao espírito de superación de Leche Río para vencer á crise

A conselleira delegada de Leche Río, Carmen Lence, salientou a vocación de permanencia en Galicia das empresas familiares durante a súa intervención no ciclo de conferencias da Cátedra de Empresa Familiar da Universidade da Coruña, onde apelou ao “espírito de superación” da láctea fundada hai máis de 50 anos polo seu pai, Jesús Lence, e que hoxe é a única empresa galega entre as 10 compañías leiteiras españolas.
Carmen Lence apela ao espírito de superación de Leche Río para vencer á crise
Carmen Lence, conselleira delegada de Leche Río./PUNTO GA COMUNICACIÓN.
Carmen Lence, conselleira delegada de Leche Río./PUNTO GA COMUNICACIÓN.

“Leche Río non só ten que sobrevivir, senón que ten que triunfar, porque marca a diferenza non só para os traballadores, para Lugo e para Galicia, senón tamén para España e Europa”, sinalou Carmen Lence nunha comparecencia que seguiron máis de 300 universitarios galegos tanto en modalidade presencial coma online.

Leche Río, que ten os seus tres centros de produción en Galicia, é a 6ª transformadora de leite en España e a 3ª que máis leite recolle na Comunidade, por detrás de dúas compañías estatais, e seguida de varias multinacionais estranxeiras.

Como exemplo da vocación de continuidade e permanencia da empresa en Galicia, Lence destacou que Leche Río vén de investir 18 millóns de euros nos últimos dous anos en melloras enfocadas na sustentabilidade, a eficiencia, a calidade e o respecto polo medio ambiente, e salientou o acordo de colaboración con Norvento e Agroamb para para crear unha planta de biogás en Lugo a partir de residuos propios e recollidos das ganderías.

Leche Río emprega directamente a 450 persoas en Galicia e traballa con 450 ganderías do rural galego, o 75% de tamaño mediano e pequeno. “Mercamos o leite directamente ás ganderías, que tamén son empresas familiares, porque un dos nosos obxectivos é apoiar ao rural e impulsar a eficiencia das explotacións, cun leite que se pague a un prezo xusto”, explicou Lence, quen fixo fincapé no compromiso coa sustentabilidade económica da empresa, que establece contratos anuais cos gandeiros e unha remuneración superior á media galega.

Próxima cita: Tino Fernández

O ciclo de conferencias das cátedras de empresa familiar, que dirixe Berta Rivera, continuará a vindeira semana coa participación do presidente de Grupo Altia, Tino Fernández, que abordará a internacionalización da empresa.

Carmen Lence apela ao espírito de superación de Leche Río para vencer á crise