Iniciativa da Federación Galega de Comercio e a Dirección Xeral de Comercio coa colaboración de Abanca

A campaña "Días Azuis do Comercio Galego" repartirá 16.200 euros en premios

O presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas; a directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez Abeal; e o director de Red Comercial de Abanca, Gabriel González Eiroa; presentaron en Santiago a cuarta edición da campaña “Días Azuis do Comercio Galego”.
A campaña "Días Azuis do Comercio Galego" repartirá 16.200 euros en premios
Presentación da cuarta edición da campaña “Días Azuis do Comercio Galego”.
Presentación da cuarta edición da campaña “Días Azuis do Comercio Galego”.

Trátase da edición de outono desta iniciativa, trala celebrada con gran éxito no mes de maio. Deste xeito, os organizadores queren potenciar o fomento, estímulo e impulso do comercio de proximidade de Galicia, así como reforzar a posta en valor do importante papel económico e social do sector na nosa comunidade autónoma.

 A edición de outono de "Días Azuis do Comercio Galego" deste ano desenvolverase entre o 1 e o 20 de outubro, coa colaboración dos establecementos de máis de 100 asociacións e centros comerciais abertos da nosa Comunidade.  Durante estas datas, os clientes que merquen nos establecementos minoristas poden participar no sorteo de 16.200 euros, repartidos nun total de 80 tarxetas prepago regalo, de 300 e de 150 euros. Participar é tan simple como rexistrar a compra na páxina da campaña www.diasazuis.com ou solicitar aocomerciante que faga o rexistro.

O elemento máis significativo da campaña, un círculo azul grande, e outros elementos corporativos, locen xa nos comercios de toda Galicia. Ademáis, prevese novamente un forte impacto nas redes sociais, a través do hastag #díasazuis.

A campaña “Días Azuis do comercio galego” está organizada pola Federación Galega de Comercio e a Xunta de Galicia, a través da Dirección Xeral de Comercio da Consellería de Economía, Emprego e Industria. Conta coa colaboración de Abanca, entidade que achega os premios; así como das federacións provinciais de comercio, asociacións de comerciantes e centros comerciais abertos de toda Galicia.

Na presentación da campaña, o presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas, suliñou o crecente éxito e a importancia desta campaña, cada vez máis demandada polas asociacións, comerciantes e consumidores. Tamén o impulso que está a dar á dixitalización e promoción do sector. Marcouse como reto superar os 103.000 tickets de compra rexistrados na edición de maio e remarcou a forza da colaboración entre as tres entidades organizadoras, que fixo posible este ano unha segunda edición da campaña, así como outras moitas actividades que se están a realizar en pro da competitividade do sector.

Pola súa banda, o director de Red Comercial de Abanca, Gabriel González Eiroa, aplaudiu o éxito desta iniciativa, “porque contribúe a dinamizar as vendas e mellorar a competitividade dun segmento prioritario para Abanca”. Salientou que a entidade financeira presta servizo a este colectivo a través dunha unidade de negocio especializada, Abanca Negocios, e pon á súa disposición "servizos exclusivos e innovadores como ‘Alavuelta”, unha ferramenta tecnolóxica baseada en técnicas de Big Data que os axuda a xerar novas oportunidades de negocio e a competir coas grandes plataformas comerciais”.

A campaña "Días Azuis do Comercio Galego" repartirá 16.200 euros en premios