O 6 DE MARZO EN SANTIAGO E O 7 E 8 DE MARZO EN OURENSE

As Cámaras de Santiago e de Ourense acollerán senllos seminarios sobre o medo escénico e a arte de falar en público

As Cámaras de Comercio de Santiago e de Ourense programan a vindeira semana os seminarios "Bye bye medo escénico" e "A arte de falar en público" a cargo do conferenciante experto en comunicación persuasiva Marcelo Castelo.

As Cámaras de Santiago e de Ourense acollerán senllos seminarios sobre o medo escénico e a arte de falar en público
O conferenciante Marcelo Castelo.
O conferenciante Marcelo Castelo.

A xornada “Bye bye medo escénico” está destinada a persoas que soportan unha gran ansiedade ante a posibilidade de ter que falar en público, ou que cando teñen que asistir a eventos sociais ou ser o centro de atención soportan un elevado estrés. O experto sinala que é habitual que as persoas teñan unha “relación tóxica co seu medo” e mesmo algunhas cheguen a crer que ese temor as convirte en persoas singulares ou especiais, transformando ese sentimento en parte da súa personalidade. “O primeiro paso é aceptar que eu non son os meus medos, son quen elixo se desexo empatizar coa miña dificultade para falar en público, dándome por vencido, ou ben co propósito de vencelo. O medo a falar en público non se perde, véncese”, explica Marcelo Castelo.

Considera tamén que estes talleres poden servir de “cambio de enfoque” para facer fronte ao medo escénico, a modo de “vivencia ou viaxe de descubrimento ao interior dun mesmo” co fin de modificar algunhas crenzas que limitan a capacidad para comunicarse de forma axeitada cos semellantes. “É fundamental interiorizar que o público é o noso aliado e non o noso inimigo”, indica o conferenciante.

En Santiago, esta xornada impartirase o luns 6 de 9:30 a 14:30 horas no centro de formación da Cámara de Comercio na rúa San Pedro de Mezonzo, 37, mentres que en Ourense a cita é o martes 7, de 16 a 21 horas, na sede cameral da avenida da Habana.

No taller sobre “A arte de falar en público”, Marcelo Castelo destacará a importancia da forma de comunicar e as súas consecuencias na vida persoal e profesional dos individuos. O experto dará as claves e técnicas para falar de forma persuasiva ante unha persoa ou un auditorio e poder presentar e defender con éxito ideas, proxectos ou mesmo servizos.

Para transmitir corretamente a mensaxe que se ten na cabeza, Marcelo Castelo considera que a persona transmisora debe crer ao cen por cento o que está dicindo. “Non sempre se vai convencer aos demais das nosas teses. O que podemos é comunicar fortalecendo a nosa credibilidade, aínda que os demais non estean de acordo con nós. Cando me comunico fortalecendo a miña credibilidade é posible que non consiga o efecto desexado hoxe, pero seguro que chegará outro día no que ese efecto se logre”, destaca.

En canto á linguaxe non verbal, os expertos afirman que a influencia da comunicación non verbal vai desde o 60% ata o 93% da mensaxe, dependendo do escenario, e fóra destes datos estatíticos Marcelo Castelo apunta que é determinante na comunicación.

O seminario impartirase na Cámara compostelana, novamente no seu centro de formación, de 16 a 21 horas do luns 6 de marzo. Pola súa banda, en Ourense a cita é o mércores 8 de 9:30 a 14:30 horas.

Para as sesións en Ourense os interesados poden anotarse en www.camaraourense.com.

Perfil

Marcelo Castelo é o único integrante da axencia internacional Thinking Heads que desenvolve a súa actividade profesional en Galicia, acompañando a figuras destacadas como Mario Vargas Llosa, Joseph Stigliz, Mijail Gorbachov ou Felipe González. É autor da teoría de comunicación “La transición de fase” e do libro “El cliente ha muerto. ¡Viva el cliente!”,

Comentarios
As Cámaras de Santiago e de Ourense acollerán senllos seminarios sobre o medo escénico e a arte de falar en público