O 5 de decembro

A Área Empresarial do Tambre premia sete empresas que cumpren 25 anos no polígono compostelán

A Asociación Área Empresarial do Tambre (AEPIT) homenaxeará este ano a sete empresas que cumpre vinte e cinco anos na asociación do polígono industrial. 

A Área Empresarial do Tambre premia sete empresas que cumpren 25 anos no polígono compostelán
Oficinas e persoal de DST Software, unha das empresas recoñecidas.
Oficinas e persoal de DST Software, unha das empresas recoñecidas.

As compañías distinguidas son Porto Actual (Alfredo Porto García y Otros Dos), Carpintería Metálica As Pontes, Comercial Suárez, Louzán, Pibatex, Portas e Automatismos Galicia (Pauga) e DST Software.                                                                                          

Fará entrega aos homenaxeados dun pergameo acreditativo e un pequeno agasallo. O evento estará presidido polo presidente de AEPIT, Jesús Chenel, e contará coa asistencia de diversas autoridades autonómicas e locais e representantes de asociacións empresariais, como o alcalde de Santiago, Martiño Noriega; a concelleira de Promoción Económica de Santiago, Marta Lois; os representantes municipais do BNG, Goretti Sanmartín e Rubén Cela; a secretaria xeral da Cámara de Comercio de Santiago, Rosa Cardeso; ou o comisario da Policía Nacional de Santiago Félix García; entre outros. No transcurso do acto, presentado pola xornalista Paula Pájaro, celebrarase unha charla que ofrecerá o consultor empresarial José Manuel Ortigueira Bobillo, titulada “Orientacións estratéxicas da Área Empresarial Compostela”.

Ademais, por parte das empresas distinguidas asistirán ao evento Javier Porto, xerente de Porto Actual; Santiago Rey, de Carpintería Metálica As Pontes; o xerente de Comercial Suárez, Lino Suárez; da empresa Louzán, Héctor Louzán; o copropietario de Pibatex Enrique Pintos; o xerente de Portas e Automatismos de Galicia (Pauga), Moisés Rodríguez; e o socio director de DST Software Manuel Nieto.

A asociación distingue a capacidade de traballo que, alomenos, durante 25 anos veñen realizando as sete empresas desde as súas naves no Polígono do Tambre. O presidente da asociación, Jesús Chenel, explica que celebran este evento multitudinario para enxalzar as particularidades de cada empresa e o seu bo facer, pero sempre destacando os “ingredientes comúns” que comparten todas as compañías, como son ilusión, esforzo e colaboración.

A entidade celebrará o acto de homenaxe o mércores, día 5 de decembro, no salón de actos da súa sede do Centro Empresarial do Tambre, a partir das 20:00 horas.

“As empresas mostran ao longo da súa traxectoria a ilusión por construír, por ver nacer e medrar o seu proxecto e consolidalo ou mesmo transmitilo a outra nova xeración, unha evolución alcanzada grazas a un gran esforzo na procura da competitividade, o mantemento da confianza dos clientes e un afán por innovar e reinventarse ano tras ano” –explica Chenel–.

A Área Empresarial do Tambre premia sete empresas que cumpren 25 anos no polígono compostelán