Sobre a "Compostela desexada"

O alcalde de Santiago ofrece unha conferencia na Cámara de Comercio

A Cámara de Comercio, Industria, Servizos e Navegación de Santiago de Compostela continúa en 2017 co seu ciclo de conferencias, destinado a analizar a situación económica, social e cultural do país, convidando este xoves ao alcalde de Santiago, Martiño Noriega.

O alcalde de Santiago ofrece unha conferencia na Cámara de Comercio

Noriega ofrecerá este xoves 9 de febreiro unha charla sobre “A Compostela desexada: un proxecto de cidade en común”, ás 20:00 horas no salón de actos da sede cameral. O presidente da Cámara de Santiago, Jesús Asorey, será o encargado de presentar a Noriega, a cuxa conferencia se espera unha nutrida asistencia. 

Jesús Asorey explica que hai tres liñas de fondo que deben conformar o horizonte compostelán. Por un lado todo o que ten que ver co Camiño de Santiago, a Catedral e o ano xubilar de 2021. “O fenómeno da peregrinación propiciou relevantes investimentos e actuacións en marcha por parte das Administracións central e autonómica. Pero fáltanos unha política turística coherente, máis activa e de consenso grande co sector, buscando sempre a amplitude de miras por parte de todos os implicados no ámbito local” –sinala–. 

A segunda liña de fondo vén descrita polas infraestruturas, para o que segundo Asorey se esixe unidade de acción, con un seguimento diario nos despachos e sobre o terreo. “Falamos da estación intermodal, do enlace orbital e das conexións coa área empresarial do Tambre e a Cidade da Cultura” –apunta–.

E a terceira, a reindustrialización de Santiago baseada en dous eixes estratéxicos: a biotecnoloxía e a segunda transformación da madeira, que o presidente da Cámara destaca como “un asunto de gran envegadura no que estamos a traballar arreo xa a Cámara e o Tambre co propio Concello, a Xunta e a Universidade”. 

Martiño Noriega Sánchez naceu na Coruña en 1975, é médico por vocación e profesión e licenciado en Medicina pola Universidade de Santiago (USC), onde tamén obtivo o Diploma de Estudos Avanzados en Saúde Pública en 2010. Realizou a especialidade en Medicina de Familia na área sanitaria de Santiago, no Centro de Saúde de Fontiñas, e traballou posteriormente no 061 ata 2007. Criado no Ensanche compostelán, vive desde os 5 anos no concello de Teo, onde foi alcalde durante oito anos (2007-2015). Desde esa data, 2015, é o alcalde de Santiago pola formación política Compostela Aberta.

O alcalde de Santiago ofrece unha conferencia na Cámara de Comercio