FORMA PARTE DO PROXECTO LACES

AESGAL participa en Portugal nunha xornada sobre emprender na economía social

A Agrupación Empresarial de Sociedades Laborais de Galicia (AESGAL) asistiu á xornada "Emprender na economía social" que se celebrou este mércores en Santo Tirso, Portugal, no marco do proxecto Laces.

AESGAL participa en Portugal nunha xornada sobre emprender na economía social
Intervención da xerente da AESGAL, Berta Lema.
Intervención da xerente da AESGAL, Berta Lema.

O encontro foi inaugurado polo presidente da Cámara Municipal de Santo Tirso, Alberto Costa, e por Helena Loureiro, de Missão Portugal Inovação Social, e contou con catro mesas redondas.

Na primeira delas presentáronse as boas prácticas da Economía Social na Eurorrexión Galicia- Norte de Portugal da man de Sofía Vales, secretaria do Consello da Economía Social de Galicia, e Jorge Miranda, coordinador de proxectos da Incubadora de Iniciativas Empresariais Innovadoras, In.Cubo.

Na segunda exposición, diversas cooperativas deron conta dos seus proxectos, como as galegas Tres Fuciños, composta por pequenos criadores de porco celta, e Xeitura, dedicada á xestión integral do Patrimonio Natural; así como as portuguesas Fruta Feia e CAID, Cooperativa de Apoio à Integração do Deficiente.

O emprendemento social e solidario tivo tamén o seu espazo na terceira mesa con Missão Portugal Inovação Social e o Proxecto EKUI.

Por último, expuxéronse as axendas sectoriais para o fomento e creación de empresas de economía social. A xerente de AESGAL, Berta Lema, participou nesta cuarta mesa para dar a coñecer a axenda do sector das industrias culturais e creativas. Ademais, a Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (AGACA) tamén debullou a axenda  para a modernización do sector primario e Portugal Foods fixo o mesmo coa do sector agroalimentario e biotecnolóxico.

Proxecto Laces

O proxecto Laces ten como obxectivo o fomento e a consolidación da economía social na Eurorrexión Galicia – Norte de Portugal coa finalidade de fixar emprego a través da execución de programas pilotos que impulsen ás empresas da economía social no espazo transfronteirizo. Nesta ocasión, José Barqueiro, asistente técnico de LACES, e a oficina de apoio e dinamización económica do municipio de Santo Tirso foron os encargados de presentar a iniciativa ao comezo da xornada.

Comentarios
AESGAL participa en Portugal nunha xornada sobre emprender na economía social