Organizan a Real Academia Galega de Ciencias e a Axencia Galega de Innovación

Aberta a convocatoria dos Premios á Transferencia de Tecnoloxía en Galicia 2021

Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), coa colaboración da Axencia Galega de Innovación (GAIN) da Xunta de Galicia, convoca os Premios á Transferencia de Tecnoloxía en Galicia 2021 coa pretensión de recoñecer casos de éxito en transferencia de coñecemento en Galicia e difundilos entre a cidadanía.

Aberta a convocatoria dos Premios á Transferencia de Tecnoloxía en Galicia 2021
A recepción de candidaturas dos Premios á transferencia de Tecnoloxía en Galicia 2021 está aberta ata o 30 de abril.
A recepción de candidaturas dos Premios á transferencia de Tecnoloxía en Galicia 2021 está aberta ata o 30 de abril.

Os destinatarios dos  Premios á Transferencia de Tecnoloxía en Galicia 2021 son os investigadores e as empresas galegas na súa faceta máis aplicada e de transferencia de coñecemento. Nos últimos anos foron recoñecidas iniciativas nos campos da biomedicina, a farmacoloxía ou a microbioloxía.

En 2021, na súa sétima edición, os galardóns divídense en tres categorías. O premio “Francisco Guitián Ojea” distinguirá un traballo de investigación aplicada para recoñecer a creación, a cargo dun grupo de investigación, dunha tecnoloxía aínda non transferida e da que se deriven claras aplicacións para o desenvolvemento socioeconómico de Galicia. O premio “Fernando Calvet Prats” destacará un caso de éxito de transferencia de tecnoloxía promovido por un grupo de investigación, froito da colaboración cunha empresa. Irá destinado ao grupo de investigación creador da tecnoloxía transferida. E por último, o premio “Ricardo Bescansa Martínez” galardoará un caso de éxito empresarial de implantación de tecnoloxía transferida, froito da colaboración cun grupo de investigación galego. Irá destinado á empresa que implantara con éxito a tecnoloxía transferida.

Aos dous primeiros premios poderá concorrer todo o persoal adscrito a centros de investigación emprazados en Galicia, incluíndo os centros tecnolóxicos. Ao terceiro, poderán optar empresas galegas ou que teñan un centro de traballo radicado na comunidade. En ningunha das tres modalidades poderán resultar galardoados grupos de investigación ou empresas que foran premiadas nalgunha das tres edicións anteriores do certame, así como tampouco académicos da Real Academia Galega de Ciencias.

O prazo para a recepción de solicitudes pecharase o 30 de abril. A tramitación das candidaturas farase a través dun formulario específico nas webs da RAGC e da Axencia Galega de Innovación.
 


 


 


 

Comentarios
Aberta a convocatoria dos Premios á Transferencia de Tecnoloxía en Galicia 2021