Desde Padrón traballa en análise de datos aplicada ao ámbito industrial

A tecnolóxica TripleAlpha, exemplo de emprendemento no rural

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, citou a empresa tecnolóxica de Padrón Triple Alpha como exemplo do potencial que ofrece o rural galego para emprender máis alá da actividade agroindustrial, primando novos sectores e novos produtos e mercados.
A tecnolóxica TripleAlpha, exemplo de emprendemento no rural
O vicepresidente económico da Xunta e o director do Igape visitaron en Padrón as instalacións de TripleAlpha.
O vicepresidente económico da Xunta e o director do Igape visitaron en Padrón as instalacións de TripleAlpha.

Francisco Conde visitou este venres as instalacións de TripleAlpha, empresa especializada na análise de datos aplicada ao ámbito industrial, que naceu en 2018 e xa conta con 13 empregados. Unha empresa, dixo, que traballa onda os sectores estratéxicos de Galicia, fundamentalmente, o agroalimentario, o lácteo, pero tamén a automoción. De feito foi seleccionada para participar na edición deste ano da Business Factory Auto.

O vicepresidente económico salientou que “é un exemplo de como o emprendemento no medio rural é unha realidade en Galicia e de como se poden desenvolver proxectos cara á industria para xerar valor engadido a través do tratamento de datos e a aplicación das novas tecnoloxías —abondou—, que é o que TripleAlpha leva desenvolvendo desde hai catro anos con resultados moi importantes de aforro económico para as empresas e de mellora nos seus procesos produtivos”.

TripleAlpha, segundo Conde, é un proxecto que, ademais, conxuga o emprendemento innovador co medio rural. Por iso foi unha das empresas beneficiarias en anteriores convocatorias do programa Galicia Emprende Rural que, xustamente, apoia iniciativas de emprendemento no rural ao marxe do sector primario, vinculadas ás novas tecnoloxías e á dixitalización. Este programa de axudas ten aberto ata o 8 de marzo o prazo de solicitudes da súa próxima edición, cun orzamento de dous millóns de euros.

A tecnolóxica TripleAlpha, exemplo de emprendemento no rural