Este xoves 10 en Vigo, Pontevedra e Vilagarcía

O sector do metal de Pontevedra convoca protestas pola parálise nas negociacións do convenio

As centrais CIG, CCOO e UGT convocan mobilizacións para este xoves en Pontevedra, Vigo e Vilagarcía ante a ruptura das negociacións do convenio colectivo provincial do sector do metal de Pontevedra por parte da patronal. 
O sector do metal de Pontevedra convoca protestas pola parálise nas negociacións do convenio
Rolda de prensa do sindicato CCOO para anunciar as protestas do sector do metal de Pontevedra.
Rolda de prensa do sindicato CCOO para anunciar as protestas do sector do metal de Pontevedra.

Delegados sindicais do sector metalúrxico concetnraranse este xoves diante da sede da Asociación de Empresarios/as da Pequena e Mediana Empresa, en Pontevedra, ás 11:00 horas; ás portas de Asime en Vigo ás 12:00 horas; e na casa sindical de Vilagarcía, ás 11:00 horas.

Segundo sinalaron os representantes sindicais de CIG, CCOO e UGT nas súas comparecencias diante dos medios de comunicación a semana pasada, o abandono das negociacións por parte da patronal obrígaos a seguir defendendo “ noutros escenarios” un convenio que afecta a 30.000 traballadores/as en toda a provincia. “Imos pasar da negociación á acción para intentar que se volvan sentar e sermos capaces de chegar a un acordo”, indican.

Neste senso, lembran que as conversas comezaron en febreiro deste ano, e cada central sindical achegou as súas propostas co obxectivo de modernizar o convenio. O proceso paralizouse a consecuencia da pandemia cando se produciran dúas xuntanzas, “e no mes de outubro tivemos que forzar a patronal a que se volvese sentar para seguir coas negociacións”.

En total celebráronse 11 reunións, “moitas delas estériles”, que remataron sen achegamentos e das que as centrais saíron coa impresión que a patronal pretendía deixar pasar o tempo. “Queren que remate este ano sen actualización do convenio, e semella que a súa intención é que tampouco se faga o ano que vén; non nos parece unha actitude responsábel, que ademais non beneficia para nada a actividade económica”.

Sosteñen que os tres sindicatos fixeron o esforzo de unificar as tres propostas -mesmo renunciando a certos avances en función da situación actual- para non dilatar o proceso, “e non estamos dispostos a pasar un ano en branco nin a aceptar recortes no convenio, sobre todo tendo en conta que o sector non deixou de traballar en todo este tempo, máis alá dos oito días nos que se paralizaron todas as actividades”.

Por iso consideran que o feito de que a patronal ( Asime, ATRA e Instalectra) se levante da mesa é unha falta de respecto cara as organizacións sindicais e incluso cara aos seus propios asociados. “Con esta actitude pretende tirar proveito de xeito miserábel da situación de crise, xa que para seguir negociando esixe que retiremos puntos que foron conquistados en anteriores convenios coa loita dos traballadores/as”.

En concreto, explicaron que por exemplo pretende deixar entrar as ETT no sector ou cambiar o plus de eventualidade que se pagaba mes a mes para pasar a abonalo ao final do contrato, algo que se modificara precisamente porque moitas empresas chantaxeaban o persoal para non pagalo. E tampouco está disposta a incluír cláusulas sobre protocolos para previr o acoso sexual nas empresas.

A nivel salarial a proposta patronal é dun 0% para este ano e dun 1% para 2021, cando as reivindicacións sindicais pasan por un 1% para este ano e un 2% para o que vén. “En todo momento estivemos dispostos a negociar, e mesmo fixemos novas achegas, pero a patronal só quere que negociemos a partir das súas propostas, como por exemplo a respecto da subrogación do persoal entre empresas privadas, que para nós é unha cuestión moi importante".

O sector do metal de Pontevedra convoca protestas pola parálise nas negociacións do convenio