Podería ser indefinido a partir do 3 de abril se non hai acordo sobre o convenio colectivo

Primeiro paro do plantel de Pescanova

Seguimento masivo, segundo os sindictos, do primeiro dos dous días de folga en Nueva Pescanova convocados polas centrais CIG, CUT, UGT e USO para "reclamar uns convenios colectivos dignos e rexeitar a precarización laboral" da compañía.

Primeiro paro do plantel de Pescanova
Traballadores de Pescanova concentrados ás portas da fábrica de Chapela./CIG.
Traballadores de Pescanova concentrados ás portas da fábrica de Chapela./CIG.

Segundo informa a CIG nun comunicado, centos de empregados concentráronse dende primeira hora deste martes ás portas dos centros de traballo de elaboración e frigoríficos que o grupo de alimentación ten no Porriño e Chapela. Os traballadore regresaron ás portas da empresa a mediodía, coincidindo coa entrada da quenda da tarde, e tiñan previsto facer o mesmo ás 21.30 horas, para o inicio da quenda de noite.

En Chapela, e ante un importante despregue policial, os traballadores despregaron unha faixa na que se podía ler "Pescanova en folga. Convenio digno xa" e berraron consignas. No caso do Porriño a presenza de axentes foi moito menor.

O seguinte día de paro fixado por CIG, CUT, UGT e USO será o vindeiro martes 21. A intención das centrais sindicais é que a partir do 3 de abril pase a ser indefinido no caso de que non se chegue a un acordo para a renovación dun convenio colectivo que as partes negocian dende hai xa máis de 10 meses.

Comentarios
Primeiro paro do plantel de Pescanova