A Xunta inviste 240.000 na súa construción

O municipio lucense do Corgo contará cun viveiro de empresas

A Consellería de Economía, Emprego e Industria apoiará cunha achega de 240.000 euros a construción dun viveiro de empresas no polígono do Corgo (Lugo).

O municipio lucense do Corgo contará cun viveiro de empresas
O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, visitou a zona na que este ano se construirán as novas instalacións acompañado polo alcalde, José Antonio Ferreiro./V.RODRÍGUEZ.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, visitou a zona na que se construirá o viveiro de empresas do Corgo, acompañado polo alcalde, José Antonio Ferreiro./V.RODRÍGUEZ.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, desprazouse ata o parque industrial para coñecer os datos da futura edificación en compañía do alcalde, José Antonio Ferreiro, entre outros.

Balseiro explicou que este proxecto, que conta cun orzamento de 358.000 euros, acadou a achega máxima prevista no programa de axudas para a creación de viveiros industriais, co que a Xunta quere fomentar a creación de novas empresas de carácter industrial. O delegado sinalou que “contar con estas instalacións e servizos é un apoio moi importante para os emprendedores nas súas primeiras etapas de actividade e contribúen ao éxito final do proxecto”.

O viveiro enténdese como un espazo físico para o nacemento de novas industrias no que se ofrecen as condicións e os servizos precisos para a implantación inicial e a consolidación das empresas por un tempo limitado.

A Xunta financia a construción, reforma e equipamento interior das naves que servirán de emprazamento para o viveiro empresarial, e que pasarán a ser de titularidade municipal. No caso concreto desta obra do Corgo o proceso de licitación xa está en marcha e recibiron as primeiras ofertas polo que, unha vez valoradas, prevén adxudicala nas vindeiras datas, todo isto, coa intención de executar a construción este mesmo ano.

O novo viveiro instalarase nunha parcela de 2.037 metros cadrados. Consistirá nunha nave de nova construción con dúas plantas (baixo máis primeira). Na baixa acondicionarase a recepción, vestíbulo, despachos, aseos, vestiarios e sete locais para emprendedores; na planta primeira haberá unha sala de reunións, tres despachos e un aseo. En total, a superficie construída será de 878,75 metros cadrados, e a superficie útil de 821,47 metros cadrados.

O municipio lucense do Corgo contará cun viveiro de empresas