O comité de empresa anuncia mobilizacións e xestións institucionais para intentar salvar os empregos.

Ganomagoga presenta EREs extintivos nas empresas do grupo: Aplimega, Cedval e Logistic

O Grupo Ganomagoga, con centros de traballo en Ponteareas, Mos, Porriño e Vigo, comezou a presentar ERE extintivos nas distintas empresa do grupo: Aplimega, Cedval e Logistic. Os 130  traballadores da empresa principal, Talleres Ganomagoga, coñecerán este xoves o seu futuro.

Ganomagoga presenta EREs extintivos nas empresas do grupo: Aplimega, Cedval e Logistic
Protesta de traballadores de Ganomagoga o pasado 23 de febreiro./CIG.
Protesta de traballadores de Ganomagoga o pasado 23 de febreiro./CIG.

O Grupo Ganomagoga alega causas económicas, produtivas e organizativas para rescindirlle o contrato aos arredor de 30 traballadores de Aplimega, aos 20 de Cedval e aos 8 de Logistic. Diante disto, o o comité de empresa anunciou a posta en marcha dunha campaña de mobilizacións e de xestións institucionais para intentar salvar os seus empregos.

Segundo explica o presidente do comité de Talleres Ganomagoga, Xabier Pérez, da CIG, a empresa comunicou este mércores o inicio dos ERE ao resto das empresas do Grupo, algo que seguramente tería feito tamén coa principal, pero a xuntanza coa dirección prevista para a mañá deste mércores foi finalmente adiada para o xoves por distintos compromisos da representación sindical. Entre eles a presentación dunha denuncia diante da Inspección de Traballo, “poque a día de hoxe seguimos sen ter ningún tipo de información por escrito da situación económica da empresa, da débeda que ten, de se é viábel ou non, de se conta ou non con carga de traballo, xa que o que o pouco que sabemos é o que nos din verbalmente”.

O comité aproveitou para solicitar xuntanzas co Igape e co conselleiro de Industria para trasladarlles a posibilidade de que interveñan para garantir a viabilidade da empresa e o mantemento dos postos de traballo. A Consellaría de Economía, Industria e innovación citounos a unha reunión en Santiago o 15 de marzo.

O que si desenvolverán é unha concentración diante do Concello de Ponteareas o luns 13 de marzo, ás 11:00, que aproveitarán para facer entrega dun manifesto solicitando o apoio dos grupos da corporación municipal. Ademais, para o xoves 16 teñen convocada tamén unha manifestación que sairá dende as instalacións da empresa ás 18:30 horas e que rematará diante do Concello. Paralelamente, solicitaron tamén un encontro con responsables da Subdelegación do Goberno en Pontevedra “para tratar de implicar ao máximo de institucións na defensa da empresa máis importante a nivel de emprego de Ponteareas”.

Pago das débedas salariais

En canto ás débedas salariais que a empresa mantén co cadro de persoal, Pérez explica que a responsábel de recursos humanos confirmoulles que nos vindeiros días abonarán a parte do soldo de febreiro que estaba pendente e as pequenas cantidades que algúns traballadoress non percibiran aínda por distintos problemas no cálculo das nóminas de xaneiro.

Unha vez que estas débedas sexan liquidadas o cadro de persoal deixará saír dous tramos de torres eólicas para a empresa GRI Towers do Carballiño. Este foi outro dos acordos da asemblea celebrada días atrás: ir pemitindo a saída de tramos a medida que empresa liquidaba as débedas pendentes. Así o fixeron con oito tramos unha vez que percibiron o salario de xaneiro e parte do de febreiro.

Ganomagoga presenta EREs extintivos nas empresas do grupo: Aplimega, Cedval e Logistic