No municipio pontevedrés de Cuntis

O director de Sepes coñece os avances tecnolóxicos e os plans de expansión no polígono de A Ran de Fundiciones Rey

O director xeral de Sepes e presidente de Suelo Empresarial del Atlántico, Fidel Vázquez, visitou as instalacións de Fundiciones Rey no polígono de A Ran, en Cuntis, para analizar cos responsables da empresa o avance que supón tanto para a área industrial como para a propia empresa o convenio asinado entre SEA e Zona Franca de Vigo para ampliar este parque empresarial.
O director de Sepes coñece os avances tecnolóxicos e os plans de expansión no polígono de A Ran de Fundiciones Rey
O director xeral de Sepes, o alcalde de Cuntis, a xerente de SEA, o delegado da Zona Franca e directivos de Fundiciones Rey, na visita ao polígono de A Ran.
O director xeral de Sepes, o alcalde de Cuntis, a xerente de SEA, o delegado da Zona Franca e directivos de Fundiciones Rey, na visita ao polígono de A Ran.

A empresa Fundiciones Rey, que fai algúns anos descartou outros emprazamentos para a súa expansión nunha decidida aposta por Cuntis, seguiu moi de preto os avances entre as administracións implicadas no desenvolvemento do polígono de A Ran, pois a súa filial no municipio pontevedrés, Rey Bronze Castings, valora ampliar as súas instalacións neste polígono.

Fidel Vázquez, acompañado polo alcalde de Cuntis, Manuel Campos, tivo ocasión de intercambiar impresións co responsable da división comercial de Fundiciones Rey e Rey Bronze Castings, Elías Cochón Rey, que felicitou o rexedor polo seu tesón e constancia para sacar adiante un proxecto que a pesar da súa demora chega nun momento con alta demanda de solo industrial, e no que importantes empresas da contorna manteñen a súa intención de asentarse en A Ran para consolidar a súa expansión.

Durante a súa visita Fidel Vázquez e Manuel Campos tiveron ocasión de coñecer os avances en investigación nos que dende hai meses está inmersa a filial cuntiense de Fundiciones Rey, un ambicioso estudo centrado en buscar a producción de silicio de calidade con baixo impacto ambiental. Un proxecto impulsado polas tres universidades galegas xunto a centros de investigación europeos e empresas nacionais e internacionais.

Plan de sectorización de A Ran

O Plan de sectorización do polígono de A Ran ao que a pasada semana deu luz verde o consello de administración de Suelo Empresarial del Atlántico,  actuará sobre unha superficie de 325.635 metros cadrados, dos que se destinarían a industria un total de 200.397 e a equipamentos outros 78.265. A execución realizarase nunha soa etapa e a cifra de investimento, que compartirán SEA e Consorcio da Zona Franca de Vigo a partes iguais, ascenderá a cerca de 5 millóns de euros, divididos na redacción dos proxectos; na expropiación dos bens e dereitos afectados e as obras de urbanización.

Fundiciones Rey é unha das empresas interesadas en ampliar as súas instalacións no polígono de A Ran, unida a Metalúrxica Pazos e outras firmas de referencia no sector industrial que ven nesta área industrial da provincia de Pontevedra a localización idónea para os seus intereses empresariais.

O director de Sepes coñece os avances tecnolóxicos e os plans de expansión no polígono de A Ran de Fundiciones Rey