A asistencia aos obradoiros de formación e os asesoramentos personalizados aumentaron durante a pandemia

A Deputación de Pontevedra pon en valor os servizos da rede SmartPeme

A deputada de Novas Tecnoloxías da Deputación de Pontevedra, Ana Mejías, visitou este xoves as oficinas SmartPeme de Lalín e de Barro, dúas das que máis servizos de asesoramento tecnolóxico e formación prestaron o ano pasado de toda a rede SmartPeme.
A Deputación de Pontevedra pon en valor os servizos da rede SmartPeme
A deputada de Novas Tecnoloxías, Ana Mejías, na oficina SmartPeme de Barro./WEB DEPUTACIÓN PONTEVEDRA.
A deputada de Novas Tecnoloxías, Ana Mejías, na oficina SmartPeme de Barro./WEB DEPUTACIÓN PONTEVEDRA.

A oficina de SmartPeme en Lalín rexistra cifras de récord dende o comezo da pandemia a causa da forte demanda de formación e asesoramento das empresas das comarcas do Deza e Tabeirós-Terra de Montes sobre as posibilidades aplicadas das tecnoloxías da información e a comunicación (TIC) á contorna empresarial. A deputada de Novas Tecnoloxías, Ana Mejías, subliñou a espectacularidade do dato de asistencia aos obradoiros de formación, que en 2020 multiplicou por cinco as cifras do ano anterior, alcanzando as 837 persoas.

Os datos do primeiro ano da pandemia indican que a participación nos 39 obradoiros celebrados creceu un 479% sobre as 140 persoas rexistradas no ano anterior, convertendo á de Lalín na segunda oficina que máis avanza neste apartado, tan só por detrás da de Pontevedra. A deputada Ana Mejías explicou que no que vai de 2021 xa participaron outras 179 persoas nos 6 obradoiros celebrados, polo que a tendencia mantense. A razón está, explicou Mejías, na aposta de SmartPeme por continuar a súa actividade en formato telemático, mentres que anteriormente os obradoiros eran presenciais. Así pasouse dunha participación de ata 12 persoas a unha media de 21 persoas por curso.

Durante 2020, a oficina do Deza-Tabeirós tamén realizou 275 asesoramentos individualizados a petición das empresas, o que supón un crecemento dun 36% sobre o exercicio anterior e consolida unha liña ascendente ano a ano, pois comezou a súa actividade en 2016 con 49 asesoramentos. No que vai deste ano 2021 realizou 94 consultorías.

En canto ao número de empresas en carteira cómpre destacar que a oficina atendeu a un total de 461 dende a súa creación no ano 2016, das que 147 mantiveron contacto durante o ano pasado. A práctica totalidade delas son pemes e persoas autónomas. As empresas do Deza que acoden a SmartPeme pertencen maioritariamente ao sector de venda ao por maior e por menor, incluíndo comercio e establecementos de reparación de vehículos (un 25% do total), seguido das actividades profesionais, científicas e técnicas (case 14%). A hostalería ocupa o terceiro lugar co 7,7% e a industria manufactureira case o 7% sobre o total.

Oficina de Barro

En canto á oficina de SmartPeme en Barro, a deputada de Novas Tecnoloxías, Ana Mejías, destacou que o crecemento constante tanto na asistencia aos obradoiros como ás sesións de asesoramento individual provocou que este punto SmartPeme, o máis especializado da rede, teña alcanzado unha carteira de 147 pemes, procedentes toda a provincia.

Ana Mejías destacou que a pandemia supuxo un cambio profundo na cultura organizacional das pequenas e medianas empresas, entre as que unha gran maioría están sustentadas por persoas autónomas que ata o de agora non tiñan apostado sistematicamente polas tecnoloxías da información e a comunicación (TIC) na súa actividade. "SmartPeme responde a esa demanda de know-how, de coñecemento ao servizo do crecemento dos proxectos empresariais, tanto os novos como os que xa están en marcha".

A deputada explicou que o punto SmartPeme de Barro, un dos sete que compoñen a rede da Deputación, é singular por varios motivos,  tanto por compartir espazo cun dos dous viveiros de empresas da Deputación, como por ser tamén sede do Centro Provincial de Economía Dixital (CPED), que dirixe a formación máis punteira en novas tecnoloxías. Ademais, entrou en funcionamento en 2018, dous anos máis tarde que o resto de oficinas, precisamente para dar resposta á necesidade dunha formación altamente especializada. Así en Barro, máis alá dos habituais cursos sobre plataformas e redes sociais atópanse respostas prácticas a cuestións como a ciberseguridade, as VPN, impresión en 3D, a tecnoloxía "blockchain", os servizos na nube ou a organización de eventos online.

Ao igual que no resto de oficinas, a pandemia multiplicou a asistencia aos obradoiros de formación. Durante o ano 2020, Barro rexistrou a asistencia de 527 persoas (un 65% máis) aos 40 obradoiros celebrados. O ano 2021 botou andar xa con 371 persoas participantes, o que anticipa un forte incremento no balanzo anual. En canto ás consultorías individualizadas, Barro realizou un total de 67 durante o ano 2020 (26% máis que o ano anterior). Reforzando esta tendencia, o 2021 arrancou con forza, pois son xa 75 (un 12% máis que en todo o exercicio anterior) os asesoramentos realizados sen ter chegado aínda á metade do ano.

O número de pemes que están en carteira no punto SmartPeme de Barro non para de medrar dende que este servizo se puxo en marcha no ano 2018. Dende a posta en marcha desta oficina,  un total de 147 empresas utilizaron os seus servizos para explorar as potencialidades das TIC. O tecido produtivo que utiliza os servizos que SmartPeme ofrece dende Barro está formado ao 38% polo subsector da industria manufactureira, un 15,4% do subsector de Información e Comunicacións e un 7,7% procede do subsector de actividades profesionais, científicas e técnicas e a mesma porcentaxe da agricultura, gandería, silvicutura e pesca. Un perfil moi distinto ao do resto de oficinas da rede.

Rede SmartPeme

A rede SmartPeme naceu en 2016  como resposta da Deputación de Pontevedra á necesidade de prestar apoio tecnolóxico para a mellora da competitividade empresarial na provincia e está dirixido moi especialmente as empresas pequenas e ao colectivo de persoas autónomas. Dispón de oficinas en Pontevedra, Vigo, Barro, Lalín, Cambados, O Porriño e Ponteareas. Un total de 6.363 empresas gozan deste servizo na provincia. O portfolio de servizos ofertados dende SmartPeme ten que ver non só co asesoramento e crecemento empresarial apoiado nas TIC, senón tamén co apoio especializado ás empresas do subsector turístico e do subsector do comercio. O pasado ano botou tamén a andar unha liña específica de asesoramento tecnolóxico para entidades do Terceiro Sector.




 

A Deputación de Pontevedra pon en valor os servizos da rede SmartPeme