Finca Míllara en Pantón

Coñece a última adega incorporada ao selo Galicia Calidade

A Xunta de Galicia vén de entregar o diploma de certificación do selo Galicia Calidade á adega Finca Míllara, de Pantón (Lugo) que pon en valor o esforzo pola elaboración de viños de calidade.
Coñece a última adega incorporada ao selo Galicia Calidade
O director xeral de Comercio e Consumo entregou o selo de Galicia Calidade aos propietarios de Finca Míllara.
O director xeral de Comercio e Consumo entregou o selo de Galicia Calidade aos propietarios de Finca Míllara.

No acto de entrega do certificado —ao que tamén asistiu o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias—, Manuel Heredia, presidente de Galicia Calidade e director xeral de Comercio e Consumo da Xunta, salientou a aposta de Finca Míllara polos “viños de calidade, mediante a produción sustentable”, sen herbicidas e vendima manual para obter o mellor dunhas viñas situadas en ladeiras cunha pendente do 50%.

Coa incorporación de Finca Míllara, situada en Pantón (Lugo), no corazón da Ribeira Sacra, suma 18 adegas certificadas co selo de garantía Galicia Calidade, ás que hai que engadir outras 120 empresas de outros sectores como a alimentación, a hostalería, o lácteo ou a xoiaría, entre outros. En total, son máis de 400 produtos e servizos avalados con este certificado.

Finca Míllara é un proxecto empresarial que abrangue tamén a restauración, a produción de aceite de oliva ou as conservas. Naceu no ano 1999, cando os seus promotores decidiron recuperar as antigas plantacións e comprar viñas aos viticultores do contorno, creando dese xeito unha das maiores fincas da Denominación de Orixe Ribeira Sacra. Na actualidade conta con 21 hectáreas de cepas, situadas en ladeiras de lousa cun desnivel do ata o 50%. Producen 70.000 botellas utilizando sempre uvas de produción propia e plantando novas cepas para incrementar a súa capacidade.

Galicia Calidade certifica os produtos e servizos que, pola súa elaboración en Galicia, pola súa materia prima e o seu proceso de produción, cumpran os requisitos establecidos polo selo de garantía.

Coñece a última adega incorporada ao selo Galicia Calidade