Iniciativa da Consellería de Economía e da Federación Galega de Comercio

70 comercios galegos recibirán axuda para a xestión das súas redes sociais

Seis xestores de redes sociais prestarán servizo a preto de 70 negocios galegos seleccionados no marco do programa de social commerce que desenvolven a Consellería de Economía, Emprego e Industria e a Federación Galega de Comercio.

70 comercios galegos recibirán axuda para a xestión das súas redes sociais
directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez Abeal, e o presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas, mantiveron hoxe un encontro cos seis xestores de redes sociais
A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez Abeal, e o presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas, mantiveron un encontro en Lugo cos seis xestores de redes sociais.

Este programa, que se pon en marcha dentro do convenio de colaboración entre ambas entidades, diríxese fundamentalmente a afianzar o éxito dos comercios galegos no eido das novas tecnoloxías, fixando obxectivos empresariais e compartindo experiencias, novas fórmulas de promoción e comercialización, recursos e tendencias para mellorar a súa competitividade.

Con esta iniciativa, achégase ademais unha oportunidade laboral a seis mozos e mozas desempregados que previamente se formaron nun curso de márketing online-community manager dirixido ao sector comercial impartido pola Xunta no Centro das Novas Tecnoloxías de Galicia.

Os comercios foron seleccionados a través da convocatoria de axudas para a modernización do comercio galego, que se enmarca no Plan Estratéxico de Impulso ao Comercio de Galicia, que ten entre os seus retos o establecemento dun novo modelo de comercio intelixente que sitúe ao cliente no centro da súa estratexia aproveitando todos os recursos á súa disposición.

70 comercios galegos recibirán axuda para a xestión das súas redes sociais