2ª edición da aceleradora Turistic

Silva coñece os cinco proxectos que se impulsan desde a aceleradora Turistic

Enoturismo, organización de viaxes, formación de guías turísticas, realización de rutas turísticas e un albergue son os cinco proxectos que participan na aceleradora Turistic da Deputación de Pontevedra.

Silva coñece os cinco proxectos que se impulsan desde a aceleradora Turistic
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, coñeceu cinco proxectos turísticos que foron escollidos para participar na segunda edición da Aceleradora Turistic./C.SAIZ.
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, coñeceu os cinco proxectos turísticos que foron escollidos para participar na segunda edición da Aceleradora Turistic./C.SAIZ.

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, mantivo un encontro coas persoas responsables dos cinco proxectos turísticos que foron escollidos para participar na segunda edición da aceleradora Turistic, unha iniciativa a través da que reciben apoio e asesoramento personalizado para a posta en marcha das súas iniciativas. “A aposta pola modernización e a innovación do sector turístico da provincia é unha das nosas liñas estratéxicas e somos conscientes de que isto só ten cabida se traballamos da man co sector, sumando sinerxias e camiñando á par. Queremos estar sempre do lado do sector e por iso impulsamos iniciativas coma esta Aceleradora Turistic”, explicou Carmela Silva.

Os proxectos que participan na segunda edición de Turistic, e que foron escollidos entre 14 propostas presentadas, son variados e cobren toda a xeografía da provincia. Pazo de Rubianes, unha das adegas da D.O. Rias Baixas, busca poñer en marcha un proxecto de excelencia enoturística para o que buscan asesoramento para acadar máis presenza e máis visibilidade, podendo ser capaces de atraer máis visitantes. VigopequesTripé un proxecto de Begoña Estévez que parte dun blog de ocio e turismo familiar, que leva sete anos funcionando, e que agora, en demanda das familias visitantes do blog, pretende dar un paso máis cara adiante e transformarse ademais nun espazo para a organización de viaxes e propostas de turismo e ocio para familias.

Manuel Lage, con CelticWays, situada en Mondariz, é unha empresa de servizos turísticos especializados para a formación de guías turísticas, buscando a excelencia nos servizos que se ofertan no sector. EnT urismo de Época, Jesús Díaz propón a realización de rutas turísticas, con guía oficial, nun vehículo antigo de época, evocando así como eran as viaxes noutros tempos e facendo así unha proposta innovadora e diferenciadora. Os irmáns Troncoso están arrancando na Guarda un albergue turístico, a uns metros do Camiño Portugués da Costa. É unha casa mariñeira antiga, que terá espazo para 17 persoas, e que aposta polo turismo sostible, de calidade e de promoción local.

A través da Aceleradora Turistic, estes proxectos reciben apoio personalizado e asesoramento para ámbitos como a promoción e o marketing, a creación de plans e ferramentas tecnolóxicas para a comercialización dos seus servizos e a mellora da súa presenza en redes sociais. A Aceleradora Turistic é un programa punteiro a nivel nacional, destinado a fomentar os proxectos de innovación, marketing e adaptación ás novas tecnoloxías das empresas do sector turístico.

Silva coñece os cinco proxectos que se impulsan desde a aceleradora Turistic