Seleccionados 20 proxectos

O quinto coworking de Barro comeza de xeito online

A quinta edición do coworking da Deputación de Pontevedra en Barro botou a andar este luns de forma telemática debido á situación derivada pola Covid-19, coa presentación dun total de 20 proxectos.
O quinto coworking de Barro comeza de xeito online
Presentación por videoconferencia da 5ª edición do coworking da Deputación de Pontevedra e a EOI.
Presentación por videoconferencia da 5ª edición do coworking da Deputación de Pontevedra e a EOI.

No acto, as persoas participantes no coworking recibiron un saúdo por videoconferencia da presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e do presidente da Escola de Organización Industrial (EOI) e secretario xeral de Industria do Goberno de España, Raúl Blanco, que puxeron en valor este programa de emprendemento que lideran ambas as dúas administracións.

Na apertura, a presidenta provincial fixo un chamamento a manter a esperanza, "porque imos saír desta", e remarcou a necesidade "cada vez maior" de persoas emprendedoras. "Precisamos de xente que non renuncie aos seus soños, xente que se vai poder formar para logo facer que as súas ideas se convertan en proxectos que xerarán actividade económica e emprego". Carmela Silva enxalzou o traballo que se está a realizar para que "cando saiamos desta situación poidamos poñer en marcha moitos proxectos que permitan asegurar o noso futuro, porque nós somos unha provincia con xente dinámica, potente, creativa e chea de ideas". Está previsto que o coworking se desenvolva de xeito telemático durante os meses de abril e maio e, se é posible, que se retome a modalidade presencial cando esta situación remate.

Pola súa banda, o presidente da EOI e secretario xeral de Industria do Goberno de España, Raúl Blanco, agradeceu a participación das persoas emprendedoras "que fan esta aposta con nós" e fixo fincapé na importancia da formación. "Se a formación sempre é importante, nestes momentos é esencial mantela porque temos que estar preparadas e preparados para a saída desta crise sanitaria".

Nesta edición, que ten como lema "Apostando por un futuro sostible en 2030", participan 20 proxectos elixidos entre as 28 propostas presentadas, dos cales 11 están liderados por mulleres. Entre as iniciativas, de temática moi variada, hai algunhas centradas na gastronomía, na elaboración de distintos tipos de alimentos (repostería, panadería, produtos gourmet), nas novas tecnoloxías, na comunicación, no asesoramento xurídico, no deseño, na consultoría para pemes, na protección de mascotas, na fabricación de estruturas, no adestramento e entretemento persoal, na arte, no turismo ou en experiencias e rutas para promocionar a cultura e patrimonio galegos.

Esta e a primeira vez que o coworking se desenvolve de xeito dixital para seguirlles facilitando ás persoas emprendedoras as ferramentas necesarias para non interromper a actividade. Realízase a través da plataforma Blackboard Collaborate da EOI, na que os participantes poden seguir as formacións dos obradoiros desde calquera ordenador portátil ou de sobremesa, ou incluso desde un teléfono móbil. Ademais da plataforma habilitada, tamén poden usar Skype ou outras opcións de videochamada para facer titorías individuais.

Con este programa acompañarase as persoas emprendedoras no proceso, desde o deseño do modelo de negocio ata a súa posta en marcha e optimización. Axudarase a validar o modelo de negocio con metodoloxías áxiles, así como a desenvolver as habilidades necesarias para poñelo en marcha.

O quinto coworking de Barro comeza de xeito online