ENTREGA DE PREMIOS DA 16ª EDICIÓN

Cinco propostas, galardoadas no Concurso de Ideas Empresariais Innovadoras da USC

A viabilidade e factibilidade, o carácter innovador, o grao de madurez, o mercado potencial e a presenza de políticas de igualdade son elementos comúns ás cinco propostas premiadas este mércores no XVI Concurso de Ideas Empresariais Innovadoras da Universidade de Santiago de Compostela.

Cinco propostas, galardoadas no Concurso de Ideas Empresariais Innovadoras da USC
Autoridades e premiados no Concurso de Ideas Empresariais Innovadoras da USC.
Autoridades e premiados no Concurso de Ideas Empresariais Innovadoras da USC.

A entrega de premios estivo presidida polo reitor da Universidade de Santiago, Antonio López, quen estivo acompañado polas secretarias xerais de Igualdade e de Emprego, Susana López Abella e Covadonga Toca Carús, respectivamente; e o presidente do xurado, o director da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC José L. Villaverde Acuña.

Á convocatoria deste ano concorreron un total de 190 ideas, promovidas na súa maioría por mulleres (o 54% das propostas presentadas). Ademais, o 70% do total das propostas pertencen á área de Ciencias Xurídicas e Sociais e na mesma porcentaxe ao colectivo de estudantes. Nesta ocasión foron galardoadas unha pulseira para detectar drogas, unha impresora 3D para enxeñaría de tecidos, un novo cepillo para mostras en citoloxía cervical, unha aplicación móbil para propiciar unha visión de xénero da cidade ou unha proposta para explotar comercialmente o huitlacoche.

Ideas gañadoras

Rita María Pose Curros, estudante da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, é a promotora da idea para desenvolver unha pulseira flexible lavable que, chegado o caso, puidera utilizarse como un dispositivo para a detección de drogas ou outras sustancias en bebidas. Tratase dun produto a desenvolver en colaboración co grupo Pharmatox e que a súa promotora dirixe principalmente a mulleres, ao estar inicialmente pensada para a detección de sustancias vertidas nas bebidas coa finalidade de anular a vontade da persoa.

Co lema ‘Creando cidade’ Pablo Sarmiento Neira, alumno de Filosofía, propón a creación dunha aplicación para dispositivos móbiles mediante a que se poda ter unha visión de xénero da cidade. Como explica o seu autor, ao colocar a cámara dun dispositivo móbil cara unha escultura, a súa app xeraría outra estatua análoga con forma de muller. O obxectivo e “cambiar a semántica do espazo, salientando as voces de mulleres silenciadas que tiveran unha achega relevante á cidade”.

O huitlacoche é o produto da infección do millo por un fungo que induce a formación de tumores de gran tamaño e que en América foi o causante de numerosas perdas na agricultura. A particularidade é que estes tumores “son comestibles e están considerados unha exquisitez da cociña mexicana”. Cristina Cabaleiro Sobrino, profesora da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría de Lugo, propón a comercialización directa de huitlacoche e un servizo de inoculación a demanda para agricultores que posúan parcelas específicas con potencial para a produción. A profesora do Campus de Lugo manifestou a súa disposición de ceder esta idea a calquera persoa que a queira desenvolver, un guante que colleu a tamén premiada Rita Pose, participante no Programa Argos da USC e que se mostrou interesada.

A partir do dispositivo utilizado na actualidade para a citoloxía cervical, a estudante da Facultade de Enfermaría Aitana García Álvarez propón crear un contedor no cal fose posible depositar a cabeza do cepillo coas células recollidas e deixalo introducido no medio líquido para un mellor aproveitamento das mostras, evitando ter que facelo de modo manual. A idea de Aitana García propón a comercialización do mencionado cepillo así como do recipiente de conservación, dirixidos ambos a laboratorios, clínicas, hospitais e centros médicos dedicados a este tipo de análises.

O profesor da Facultade de Física Daniel Nieto García foi premiado pola súa idea para o desenvolvemento dunha bioimpresora 3D  que posibilite a fabricación tridimensional de tecidos 3D artificiais. Como explica o seu autor, o funcionamento é semellante ao dunha impresora estereolitográfica convencional pero, neste caso, utilizando tinta que conteña células vivas. Os tecidos resultantes poden ser empregados para o estudo de modelos de enfermidades ‘in vitro’ ou para a avaliación de drogas reducindo así o traballo con animais

Comentarios
Cinco propostas, galardoadas no Concurso de Ideas Empresariais Innovadoras da USC