De iCoda e Apicul

O programa Argos da USC premia propostas de produción de biogás e de solucións para o sector apícola

A cuarta edición do programa Argos que promove a Universidade de Santiago e a incubadora de empresas Univova, premiu os proxectos Apicul e iCoda, relacionados co sector apícola e a produción de biogás.

O programa Argos da USC premia propostas de produción de biogás e de solucións para o sector apícola
Foto de familia dos premiados no Proxecto Argos./USC.
Foto de familia dos premiados no Proxecto Argos./USC.

Os equipo gañadores recibiron 3.000 euros ademais de seis meses de acceso a espazos de incubación e asistencia gratuíta no proceso de constitución da empresa.

O Programa Argos trata de conformar grupos interdisciplinares e facilitarlles acompañamento e asesoramento no proceso de definición dunha idea de negocio. Unha vez formados os grupos de 4 ou 5 integrantes, desenvolven ao longo duns meses un plan de empresa que finalmente optan aos premios que se entregaron en dúas categorías: Argos Spin para proxectos baseados en resultados de investigación da USC e Argos Enxeño para os xurdidos de ideas propias dos participantes.

Na categoría Argos Enxeño o premio foi para Apicul, unha iniciativa de Miguel Ángel Martínez Puente e Patricia Fernández Fernández, do Campus de Lugo, que nace coa finalidade de achegar solucións aos grandes problemas do sector apícola como a expansión da vespa velutina, o mal aproveitamento dos recursos apícolas e a falta de maquinaria de extracción e de vías de comunicación entre pequenos apicultores. Apicul propón dúas liñas de negocio: unha dedicada á produción, recolección, extracción, tratamento e comercialización de produtos ecolóxicos e de alta calidade, e outra dirixida á creación dunha rede de servizos para apicultores e persoas interesadas en iniciarse no sector.

Pola súa banda, o premio Argos Spin foi para iCODA, un proxecto baseado nunha patente da USC que busca comercializar un sistema de control para incrementar a produción de biogás en plantas de tratamento de augas urbanas ou de residuos industriais. Segundo os seus promotores –Brais Fernández Quintela, Diego Serrano Recio, Fernando Núñez Sánchez, Iván Rodríguez Verde e Lucía Llópiz Domínguez–, a tecnoloxía que propoñen mellora sensiblemente a produción de biogás permitindo incrementar os beneficios desas plantas, na gran maioría dos casos infrautilizadas.

Nesta mesma categoría o xurado acordou conceder un accésit a outro proxecto do Campus de Santiago, iMicro. Promovida por Clara Fernández Álvarez, Nancy Saltos Rosero, Óscar Pallín Arias e Yolanda Torres Corral, esta empresa nace para ofrecer un servizo integral dirixido, inicialmente, ao sector acuícola, con produtos e servizos relacionados coa prevención, diagnose e tratamento de enfermidades microbiolóxicas. Adicionalmente ofrecerase tamén ao sector alimentario.

Proxectos que xa remataron o seu paso por Argos

Ademais dos premiados, os responsables do Programa Argos quixeron tamén recoñecer o esforzo doutros equipos que conseguiron completar todo o programa formativo. Así, en Argos Enxeño rematou a iniciativa Experience-IT promovida por Bruno Rodríguez Domínguez, Joel Penabade Cociña e Marcos López Vigo. Trátase dun software que ofrece unha experiencia de compra personalizada, suxerindo ao vendedor cal é a conduta idónea para dirixirse ao cliente e os produtos que poden ser demandados por este en base a toda a información da que dispón.

En Argos Spin completou o programa Prodigen Consultores, unha empresa de base tecnolóxica promovida por Daniel Lowe, Pablo Martínez Fonseca, Sergio Sanisidro e Xesús Regueiro Fraga dedicada á prestación de servizos de consultaría de procesos a empresas de varios sectores utilizando técnicas e algoritmos procedentes da área da minería de procesos desenvolvidos polo grupo de Intelixencia Artificial da USC.

Tamén o conseguiu Transferencia Tecnológica I+D+i, un proxecto de Alejandro Folgueiras Fernández, Ana Bugallo Casal, Arturo Fernández Guizán, Cristian Avendaño Darriba, Martín Corbelle Abal e Maya Alsousli que centrará o seu labor na consultaría de márketing para proxectos de I+D+i, en particular para os que se atopen en fases avanzadas de desenvolvemento. Pola súa banda, Paluvac –promovida por Jacobo Martín Mariño e Laura Iglesias Pampín– é un proxecto de spin-off para o desenvolvemento dunha nanovacina contra a malaria, baseado nunha tecnoloxía protexida pola USC.

Por último, nesta categoría completou o programa Recovery Blood, unha empresa baseada nunha patente da USC que busca aproveitar o sangue dos animais desperdiciado nos matadoiros para transformalo en fertilizante cun alto valor nutricional e con certificado ecolóxico. A idea é de Adrián Rodríguez Chantres, Hiram Varela Rodríguez, Abraham Rivera Peña e Juan José Redondo Floriano.

Na entrega de premios participaron o reitor da USC, Juan Viaño, o director da Área de Servizos da Axencia Galega de Innovación, José Manuel Abella; o director xeral do Igape, Juan Cividanes; a concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo do Santiago, Marta Lois; e o adxunto ao reitor para Transferencia, Innovación e Emprendemento, José Manuel Cotos.

Comentarios
O programa Argos da USC premia propostas de produción de biogás e de solucións para o sector apícola