Da Fundación Juana de Vega

As medianas empresas poderán acceder ao Programa de Apoio a Empresas Agroalimentarias

A Fundación Juana de Vega convoca a IX edición do Programa de Apoio a Empresas Agroalimentarias que nesta edición aceptará, ademais de emprendedores, autónomos e micropemes, medianas empresas de certo volume que queiran poñer en marcha novos proxectos estratéxicos ou que precisen de reformas internas.
As medianas empresas poderán acceder ao Programa de Apoio a Empresas Agroalimentarias
20201021_juanadevega
Os interesados terán ata o 30 de novembro para presentar as súas ideas de negocio ou proxectos á IX edición do Programa de Apoio a Empresas Agroalimentarias.

O director da Fundación Juana de Vega, José Manuel Andrade, destaca a aposta clara da Fundación por dar apoio a emprendedores e empresas do rural de Galicia. “Dende fai ´nove anos contribuímos a xerar riqueza no rural, sabendo que temos unha boa percepción dos nosos produtos. E este ano sabemos que hai unha grande necesidade de axuda para afrontar unha situación anómala como a que estamos vivindo. Por iso, queremos abrir o programaa outros ámbitos que axuden no desenvolvemento do territorio e acoller a empresas de maior tamaño para axudarlles a afrontar os cambios que precisen”, afirmou.

Balance

Por este programa, nas oito edicións anteriores pasaron un total de 82 iniciativas empresariais. Desas 82, remataron o programa un 80% das mesmas, e das que remataron continúan traballando ao redor do 60%, que desenvolven a súa actividade en diversos ámbitos do sector agroalimentario coma a produción de mel e derivados, o aproveitamento e comercialización de plantas autóctonas de uso farmacéutico e cosmético ou alimentario; a posta en marcha de adegas para a elaboración de viños de autor ou o desenvolvemento de aplicacións informáticas de xestión para explotacións de porcino, ou apps para dar solucións á problemática das terras en Galicia, entre outros.

A VIII edición xa incorporou como novidade a axuda a empresas existentes (antes centrábase no emprendemento) cunha grande acollida. Finalmente desenvolvéronse 5 proxectos de emprendemento e axudouse a 7 pequenas empresas en proxectos como a reestruturación financeira, redefinición estratéxica, desenvolvemento de novos produtos, ou a creación de novas canles de comercialización.

Nova edición

Os candidatos deste ano poderán presentarse en varias modalidades. En primeiro lugar, emprendemento (creación de novas empresas), que ten por obxectivo axudar aos emprendedores a desenvolver as súas ideas de negocio, convertelas en proxectos de negocio e materializalas en empresas reais, innovadoras e competitivas; ou crecemento e consolidación (desenvolvemento de empresas existentes), que ten por obxectivo axudar ás empresas existentes a desenvolver ou consolidar os seus proxectos empresariais tratando de mellorar o seu funcionamento mediante a titorización na toma de decisións en todas as áreas do negocio.

Poderán participar en calquera das dúas modalidades, tanto empresas existentes como novas iniciativas empresariais nos campos da industria agroalimentaria, forestal, marisqueira e pesqueira ou outros sectores relacionados cos anteriores, así como aquelas que contribúan a poñer en valor os recursos do territorio e que desenvolvan a súa actividade en Galicia.

Os emprendedores e empresas interesadas terán ata o 30 de novembro para presentar as súas ideas de negocio ou proxectos de crecemento e consolidación, na web da Fundación Juana de Vega. Ao longo dos meses de xaneiro a decembro de 2021, as empresas e emprendedores seleccionados participarán en seminarios e titorías individualizadas para o seguimento e consulta dos seus proxectos por parte da Fundación Juana de Vega e diferentes especialistas do sector.

As medianas empresas poderán acceder ao Programa de Apoio a Empresas Agroalimentarias