Admite candidaturas ata o 6 de xullo

Internacionalización e sustentabilidade serán os eixos do próximo Pont-Up Store

Ata o 6 de xullo permanece aberto o prazo de presentación de candidaturas para as tres modalidades de participación na novena edición do Pont-Up Store, que se celebrará os días 23 e 24 de setembro e cuxo programa foi avanzado este xoves en Pontevedra.
Internacionalización e sustentabilidade serán os eixos do próximo Pont-Up Store
Presentación en Pontevedra da novena edición do Pont-Up Store. /DUVI.
Presentación en Pontevedra da novena edición do Pont-Up Store. /DUVI.

Máis de 50 novas empresas darán a coñecer os seus produtos e servizos na próxima edición do Pont-Up Store, o encontro do emprendemento que a Universidade de Vigo, a través do Campus Crea, promove cada ano en Pontevedra, co apoio da Concellaría de Promoción Económica como patrocinador principal e o respaldo da Deputación e de preto de 50 entidades públicas e privadas.

O Pont-Up Store, ademais de contribuír á proxección dos proxectos empresariais seleccionados, na carpa que se instalará na praza de España, despregará tamén un programa de actividades paralelas en diversos puntos da cidade. Nesta ocasión, estas porán o foco na internacionalización e na sustentabilidade como vantaxes competitivas para as novas empresas, segundo explicou o director do evento, Pedro Figueroa, profesor da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación.

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; o reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa; o deputado provincial Gregorio Agís e a concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, acompañaron a Figueroa na presentación dun encontro que mantén un ano máis tres modalidades de participación. Por unha banda, as empresas poden optar a uns dos 35 postos gratuítos que acollerá a carpa do evento, así como a levar a cabo “actividades demostrativas” no recinto. A estas dúas opcións súmase a posibilidade de participar no Pont-Up Express, un evento no que as persoas responsables dos dez proxectos seleccionados disporán de cinco minutos para expor as súas ideas de negocio ante un “xurado” integrado por Rosa María Seoane, xerente e Abanca Innova; Xoán Martínez, CEO de Kaleido e presidente do Clúster da Fundación Loxística de Galicia; Eva López Barrio, coordinadora do proxecto Innovatia 8.3 do Instituto das Mulleres da USC, e Iago González, director comercial de Disgobe.

A participar nas tres modalidades pode optar calquera proxecto de emprendemento “innovador e creativo” que entrara en funcionamento nos últimos tres anos e medios, así como aqueles que se atopen nunha “fase moi avanzada de desenvolvemento de produtos ou servizos e teñan expectativas reais de lanzamento a curto prazo”, segundo explicou a organización. 

Internacionalización e sustentabilidade

Aínda que a organización atópase traballando actualmente no programa de actividades complementarias, Figueroa adiantou que as iniciativas dirixidas aos novos emprendedores estarán centradas nesta edición na internacionalización, un ámbito no que moitas novas empresas “necesitan un impulso” e que levará a promover nesta edición “un intercambio con emprendedores doutros países europeos”, coa colaboración de Ticket2Europe. O segundo eixo do Pont-Up Store, sinalou o seu director, será a sustentabilidade, pondo o foco na idea “da economía circular como un elemento diferencial para as empresas e tamén como un nicho para a creación de novos emprendementos”.

Alén do apoio ás novas empresas, este evento ten tamén como obxectivo o fomento da “cultura emprendedora”. Nesta edición, adiantou Figueroa, unha das actividades nas que traballan é no desenvolvemento, xunto coa empresa Skeirrum, dunha aplicación que permitirá levar a cabo, coa colaboración de Abanca e Gadis, unha actividade na que participarán equipos de alumnado de secundaria e da Universidade, que terán que facer fronte a unha serie de retos nun percorrido interactivo polos “puntos máis emblemáticos da cidade”.  Tamén formarán parte do programa novamente os obradoiros que a empresa R dedica á “espertar a vocación emprendedora en contornas tecnolóxicas a idades temperás”.

Coordinado polo grupo de investigación G4 Plus, á organización deste encontro incorporase nesta edición a Asociación para o Emprendemento e Innovación Pont-Up Store, que busca reunir aos preto de 300 proxectos de emprendemento que participaron nas edicións anteriores e que, sinalou, na súa meirande parte continúan a súa actividade empresarial na actualidade.

Internacionalización e sustentabilidade serán os eixos do próximo Pont-Up Store