Organizado por Eu Rural en Tomiño

O II Foro da Muller Rural Galega dá voz a 14 emprendedoras

"Dende Eu Rural pretendemos dar voz a todas esas mulleres que apostaron por formar parte do rural, traballando, vivindo, transformando e axudando a mellorar o noso territorio”. Así explicaba Sandra González, presidenta da Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eu Rural, o obxectivo do Foro da Muller Rural, que celebrou a súa segunda edición este venres, véspera do Día Internacional da Muller Rural.
O II Foro da Muller Rural Galega dá voz a 14 emprendedoras
Participantes no II Foro da Muller Rural Galega, celebrado no Pazo do Mosteiro de Tomiño.
Participantes no II Foro da Muller Rural Galega, celebrado no Pazo do Mosteiro de Tomiño.

“Esta segunda edición volve poñer o foco sobre mulleres emprendedoras, valentes, capaces de vivir e emprender no rural. Estamos orgullosas de todas vós e da vosa man comezamos este camiño que xa non ten volta atrás e que no que ano tras ano iremos poñendo en valor ás mulleres empoderadas dos nosos municipios”, destacaba Sandra González durante o acto inaugural, celebrado en Tomiño, no que participaron alcaldes, alcaldesas, concelleiras e concelleiros dos 13 municipios do territorio. 

A directora da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, AGADER, Inés Santé, quixo agradecer a Eu Rural a posta en marcha deste foro e quixo resaltar todos aqueles indicadores que poñen de manifesto a importancia da muller no rural, así como a súa presenza nas novas incorporacións de xente moza á actividade agraria ou a cantidade de mulleres que atoparon ou consolidaron o seu emprego a través das axudas Leader. “Existe emprendemento no rural en feminino”, destacou.

Pola súa banda, a directora da Axencia de Turismo de Galicia, Nava Castro, recalcou que “hai moitos proxectos interesantes que demostran que podemos aproveitar todo o que temos no noso rural e que nos sitúan nos postos máis altos do ranking estatal de emprendemento feminino dende hai anos. É o momento de servir de exemplo”. Mentres, a deputada de Igualdade da Deputación de Pontevedra, Victoria Alonso, deu os parabéns a todas as mulleres que hoxe están aquí, pero tamén a todas as que están a defender proxectos co rural como esencia e raíz”.

En total, 14 mulleres emprendedoras deron a coñecer os seus 13 proxectos, iniciativas que demostran de novo que o rural ofrece moito máis que sector primario. Así, nesta segunda edición compartiron as súas experiencias e visibilizaron as súas realidades Nuria Villa, de Petit de la Crème e Nuvi & Éxfico (A Guarda); Mar Lago, de Glamping do Mar (Baiona); Paula Fernández, de Pazo da Escola (Gondomar); Elisabet Lage, de Casa Rural Magina (Fornelos de Montes); Carla Valle, de Clínica de podología Pisamos (Mos); Silvia Mollinedo, de Guardian Xoias (Nigrán); Carmen Blanco, de Casa Rural Casa Puertas (Oia); Estefanía Grandal, de Encaixa Estudo de Arquitectura (O Porriño); Angélica Lage, artesana (Pazos de Borbén); Inés Tornero, confección de bolsos (Redondela); Marisol e Raquel Otero, de Augaluz Florista (O Rosal); Mariví Álvarez, de acuBam (Tomiño) e Natalia Rodríguez, de Bodega Corista (Tui).

Homenaxe a Clara Pousa

O Foro reservou un espazo especial para o recoñecemento de  mulleres que foron, son e serán pezas fundamentais para o desenvolvemento do territorio. Este ano a homenaxe foi para a goianesa Clara Pousa, un referente do empoderamento feminino en Tomiño e na comarca. Enxeñeira, técnica na Oficina Agraria Comarcal do Rosal e presidenta da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Goián, Pousa recibía de man da alcaldesa Sandra González unha escultura da artista búlgara afincada en Tomiño Liliya Pobornikova.

O II Foro da Muller Rural Galega dá voz a 14 emprendedoras