Unha iniciativa da Xunta e da Fundación Ronsel

Galicia Camiño Emprendedor impulsará proxectos empresariais a través do mentoring

A Xunta de Galicia e a Fundación Ronsel organizarán una nova edición do proxecto Galicia Camiño Emprendedor de impulso ao talento e ao emprego na comunidade autónoma co que apoiarán emprendedores galegos mediante un proceso de mentoring a través da realización das etapas do Camiño de Santiago.
Galicia Camiño Emprendedor impulsará proxectos empresariais a través do mentoring
Luis, María Jesús Lorenzana e Nava Castro asinaron o convenio para promover Galicia Camiño Emprendedor.
Luis García, María Jesús Lorenzana e Nava Castro asinaron o protocolo para promover Galicia Camiño Emprendedor.

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, e a directora da Axencia Turismo de Galicia, Nava Castro, acompañadas polo delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, asinaron co director da Fundación Ronsel, Luis García, o protocolo de colaboración para a posta en marcha de Galicia Camiño Emprendedor, que dara inicio os días 26 e 27 de abril polo Camiño Francés; e en xuño recalará unha vez máis en Ourense, a través da Vía da Prata.

En total, realizaranse 12 etapas, 12 retos, o lema escollido para esta nova edición, nas que os participantes poderán mellorar os seus proxectos e xerar contactos profesionais para avaliar o seu modelo de negocio e elaborar un novo plan de acción, no caso de que sexa preciso, sempre da man dunha mentora ou mentor que se adaptará á realidade de cada emprendedor. Nesta edición está prevista a participación dunhas 200 persoas entre emprendedores e mentores, como así sucedeu na anterior edición.

Os retos que se propoñen acadar nesta ocasión están en liña cos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS). O obxectivo é difundir estes retos e convidar aos participantes a integrar polo menos un deles nos seus obxectivos empresariais. O programa rematará en decembro en Santiago de Compostela, coincidindo coa capitalidade da economía social que este ano ostenta a cidade galega.

O proceso de mentoring é a clave deste programa que, en palabras de Lorenzana, supón “unha fórmula multiplicadora do talento que cimenta unha Galicia máis capacitada e cohesionada, na que o intercambio de experiencias profesionais e vitais contribúan a facer do emprendemento unha forza impulsora en Galicia”.

A conselleira sinalou, polo tanto, a oportunidade que brinda este programa, que desenvolven a Xunta e a Fundación Ronsel desde o ano 2017, ao conxugar a cultura galega co propósito de dinamizar o emprego en Galicia. Neste senso, puxo en valor o traballo da fundación nesta tarefa e a súa experiencia con máis de 20 anos de traxectoria. A Consellería de Emprego e Igualdade colabora coa Fundación Ronsel a través de diferentes liñas de colaboración destinando desde 2009 máis de 2,2 millóns de euros.

Por último, referiuse á inscrición no programa que poderá facerse a partir deste martes 12 de abril través da propia Fundación Ronsel, a páxina web da Consellería de Emprego e Igualdade ou a Oficina do Autónomo de Galicia.

Aceleradora de Proxectos Turísticos

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, pola súa banda, puxo en valor a formación e o emprendemento como valores fundamentais neste contexto de cambio de paradigma socioeconómico, especialmente no ámbito turístico, e destacou o feito de que a iniciativa se desenvolva vencellada ao Camiño no marco desta celebración do Xacobeo, “o Camiño é perfecto para á reflexión e para coñecerse a si mesmo pero tamén para que xurdan novas ideas, xa que as ideas realmente grandes xorden camiñando”, reflexionou. Castro puxo en valor a iniciativa do Goberno galego na posta en marcha da Aceleradora de Proxectos Turísticos, que celebra agora a súa segunda edición e que recibiu máis dun cento de propostas de startups para o seu impulso.

Galicia Camiño Emprendedor impulsará proxectos empresariais a través do mentoring