Incluidos na Axenda Emprende da Deputación da Coruña

Tres foros para promover o emprendemento no rural

As localidades coruñesas de Vedra, Oleiros e Brión acollerán entre abril e xuño tres edicións do Foro de Emprendemento no Rural, organizado pola empresa Magnafor dentro da Axenda Emprende do proxecto PEL da Deputación da Coruña.
Tres foros para promover o emprendemento no rural
Cartel do Foro de Emprendemento Rural que Magnafor organizar dentro do proxecto PEL da Deputación da Coruña.
Cartel do Foro de Emprendemento Rural que Magnafor organizar dentro do proxecto PEL da Deputación da Coruña.

O espazo coworking A Estación de Vedra será a sede, o vindeiro 28 de abril, do primeiro de tres foros destinados a promover o emprendemento no rural. O 12 de maio será o turno para o evento de Oleiros (no Pazo de Arenaza) e finamente en xuño, o día 8, o evento chegará ao espazo colaborativo Transformando Brión.

Segundo explican os seus promotores, nestes eventos os asistentes poderán desfrutar de “espazos de conexión” e “compartir experiencias e proxectos” de emprendedores no rural da provincia da Coruña. Asemade, os foros sevirán como espazos para “a creación e xeración de ideas que den solución de emprendemento a retos nos municipios con menos habitantes”.

As tres citas co emprendemento seguirán un mesmo guión: en primeiro lugar, a actividade de “Olla a Presión con profesionais”, que irá seguida de dúas mesas sobre emprendemento no rural, a primeira centrada no emprendemento feminino e a segunda sobre os retos aos que se enfrontan os emprendedores no mundo rural e as estratexias para resolvelos.

A estas tres actividades poden asistir todas as persoas que estean interesadas en emprender e aquelas outras que cumpran os requisitos do programa PEL da Deputación da Coruña. O horario será, nas tres citas, de 9 a 14 horas, e as inscricións poden realizarse neste enlace.

Axenda Emprende

O Foro de Emprendemento no Rural é unha das primeiras actividades da Axenda Emprende do proxecto PEL. Esta axenda inclúe, ata final de ano, píldoras formativas, accións formativas para persoas desempregadas, encontros intercomarcais, encontros entre alumnado e o tecido empresarial, eventos de captación de talento ou un congreso de innovación social para o emprego, entre outros eventos.

Comentarios
Tres foros para promover o emprendemento no rural