O 24 e 25 de setembro, en Pontevedra

Nove emprendementos xurdidos na pandemia participarán en Pont-Up Store 2021

41 startups galegas, dals cale nove son proxectos que decidiron lanzarse ao mercado durante os últimos meses, en plena pandemia, participarán na próxima edición de Pont-Up Store, que terá lugar en Pontevedra os días 24 e 25 de setembro.

 

Nove emprendementos xurdidos na pandemia participarán en Pont-Up Store 2021
Un stand de Pont-Up Store na edición 2019./DUVI.
Un stand de Pont-Up Store na edición 2019./DUVI.

Pont-Up Store, "decidiu premiar ese emprendemento valente abrindo nesta edición unha convocatoria extraordinaria especialmente dirixida a persoas emprendedoras que puxeron en marcha a súa empresa en plena pandemia (entre 2019 e 2021) e tamén a emprendementos que xa participaran en pasadas edicións e que presentasen unha innovación destacable para afrontar con éxito a situación xerada pola covi-19”, indican desde a organización. O resultado son oito empresas con negocio de nova implantación e unha que repite no encontro grazas ás innovacións aplicadas na xestión e produción da empresa.

Entre elas, destaca a innovación tecnolóxica aplicada para resolver os problemas de espazo e mobilidade nas cidades: Evourbe vai presentar un sistema intelixente de xestión de aparcamento que nace co obxectivo de revolucionar o estacionamento urbano e Vi&Go lanza un proxecto de mobilidade sostible mediante subscrición de motos eléctricas e intelixentes e un sistema de carga de baterías.

No sector da alimentación, Namelaka céntrase na preparación de “xeados insólitos e sobremesas artesanais con sabores disrutivos”; La Vanetta ofrece alimentación e restauración vegana e de proximidade; Tierra de Alebrijes propón “unha tortillaría tradicional mexicana”; e Essenzo Cacao “un Chocolate Bean to Bar feito á man en Galicia.” Dentro das liñas de negocio con compromiso ambiental foi seleccionada Benestar Market, un espazo virtual onde comprar produtos naturais e sostibles. Tamén entraron nesta convocatoria extraordinaria dúas empresas do ámbito cultural que ofrecen solución e alternativas á difícil situación que está a atravesar o sector. Dunha banda, Galpón Lab preséntase como unha asociación sen ánimo de lucro que busca dar apoio a artistas emerxentes para promover a creación artística e o intercambio cultural no ámbito de Pontevedra e Festigaleiros como unha ferramenta virtual para atopar feiras, festivais e festas en Galicia.

En canto ás iniciativas que xa foran seleccionadas para participar na edición de 2020, a organización do evento sinala que hai unha participación multisectorial con moita diversidade nas tipoloxías participantes pero que mantén como denominador común a innovación e a creatividade. Así, estarán desde proxecto como A Factoría do Lume, de elaboración artesá de salsas e produtos picantes, ata Koompany, que gravará un podcast en directo sobre o márketing dixital e impartirá un obradoiro sobre a internacionalización dixital para emprendedores.

Novidades do Pont-Up Store

O director do encontro, Pedro Figueroa, avanza que, entre as principais novidades que trae consigo este ano Pont-Up Store “figura un novo proxecto denominado dixital_pontup, ao que o Concello de Pontevedra destinou unha achega de 6.000 euros”. Segundo subliña Figueroa, “tras un ano tan complicado para os emprendementos como foi 2020, estes novos tempos esixen repensar e innovar para xerar dinámicas positivas que motiven e axuden a visualizar ás novas persoas emprendedoras”, o que levou a pór en marcha “un espazo virtual interactivo, co deseño dun aplicativo que permitirá a organización de diferentes eventos e actividades vencelladas co novo emprendemento”. "A plataforma dixital_pontup, en fase de desenvolvemento, fará posible que estas accións innovadoras e emprendedoras poidan ser visitadas non só desde calquera lugar, senón tamén en calquera momento, outorgando ademais unha maior proxección ás mesmas e un maior valor engadido aos seus patrocinadores”, apunta Figueroa.

Outra das principais novidades que traerá consigo este ano Pont-Up é a creación dunha asociación que se constituirá nos vindeiros meses, que se presentará nas datas de celebración do evento e que será bautizada como Asociación para o Emprendemento e Innovación: Pont-Up Store. Os seus obxectivos son os de aproveitar a experiencia e os valores promovidos por Pont-Up Store ao longo destas oito edicións, garantir a continuidade da celebración anual do evento e apoiar tanto aos novos emprendementos como a toda a comunidade de participantes, constituída por preto de 300 iniciativas procedentes de toda Galicia.

O Pont-Up Store é un evento de fomento do emprendemento e a innovación organizado polo grupo de investigación G4 Plus da Universidade de Vigo co patrocinio da Concellería de Promoción Económica de Pontevedra, a Vicerreitoría do Campus de Pontevedra e a Deputación de Pontevedra- e é froito da cooperación de case 40 entidades públicas e privadas.

Comentarios
Nove emprendementos xurdidos na pandemia participarán en Pont-Up Store 2021