En centros educativos de Primaria, Secundaria e FP

A Deputación de Pontevedra impulsa o emprendemento entre máis de medio milleiro de estudantes

Máis de medio milleiro de estudantes de centros educativos de Pontevedra participan este ano no programa DepoEmprende na Escola da Deputación de Pontevedra.

A Deputación de Pontevedra impulsa o emprendemento entre máis de medio milleiro de estudantes
O deputado Carlos López Font detallou a nova convocatoria do programa DepoEmprende.
O deputado Carlos López Font detallou a nova convocatoria do programa DepoEmprende.

Son 553 estudantes de 25 centros educativos de 15 concellos pontevedreses os que desenvolverán o programa de fomento do emprendemento DepoEmprende na Escola, impulsado desde fai tres anos pola Deputación de Pontevedra. “Son cifras que avalan o importante éxito que está tendo esta iniciativa do Goberno, coa que buscamos impulsar o emprendemento entre as e os estudantes, unha carencia moi grave que a día de hoxe aínda non está incorporada ao currículo educativo”, explicou o deputado Carlos López Font ao presentar a nova edición deste programa, en marcha dende o curso 2016-2017.

O programa DepoEmprende para escolares componse de tres categorías. DepoEmprende na Escola diríxese a alumnado de 5º e 6º de Educación Primaria e Educación Especial, que durante o curso crean e xestionan unha cooperativa para a fabricación dun produto concreto.  En DepoEmprende na ESO participa alumnado de 3º e 4º da ESO, que a través deste programa, estudan a Iniciativa Emprendedora. DepoEmprende na FP vai para rapazas e rapaces que estudan a modalidade de “Empresa Iniciativa Empresarial” e/ou “Simulación Empresarial”, que crean proxectos empresariais concretos.

“En todos os casos, o obxectivo é que o emprendemento entre de cheo nos centros educativos. Queremos formar aos rapaces e rapazas para que se adapten ao novo entorno no que nos movemos, que se preparen para traballos que aínda agora non existen e con ferramentas de traballo que aínda están por desenvolver”, sinalou Font. A finalidade é que o alumnado “sexa protagonista da súa propia aprendizaxe, cun traballo máis enfocado á práctica e á mellora da formación e da empregabilidade”.

Font sinalou que DepoEmprende segue demostrando, curso a curso, “un importante éxito de participación e de boa acollida”. En concreto, nos tres anos de implantación do programa, teñen participado preto de 1.500 estudantes de 37 centros educativos da provincia de Pontevedra, pertencentes a 19 concellos. Salientou o ano pasado como “o ano de consolidación do programa”. 

A Deputación de Pontevedra impulsa o emprendemento entre máis de medio milleiro de estudantes