Vén de actualizar a súa web e organiza diversas actividades

A Deputación de Pontevedra dinamiza os seus viveiros de Barro e de Lalín

A Deputación de Pontevedra continúa a dinamizar os viveiros de empresas de Barro e de Lalín organizando diferentes programas neles ao longo deste mes. 
A Deputación de Pontevedra dinamiza os seus viveiros de Barro e de Lalín
Showroom de nuevas tecnologías en la 4ª Cumbre Industrial de Asime, en el vivero de empresas de Lalín.
Unha actividade no viveiro de empresas de Lalín.

A páxina web dos viveiros da Deputación pontevedresa foi recentemente actualizada, co obxectivo de facela accesible a todos os dispositivos, así como  convertela nun espazo máis moderno e claro. A través dela é posible consultar información relativa aos espazos e servizos dispoñibles, requisitos de acceso e contacto, e información sobre empresas que forman parte dos viveiros e as actividades que se desenvolven neles.

Ademais da renovación da web, este mes de outubro terá lugar no viveiro de Barro o programa “Viveiro Co-Creador: creando comunidade”. Neste eido, a cita terá lugar este xoves 10 de outubro de 11.00 a 13.30 horas e consistirá nun punto de encontro e coñecemento a través de dinámicas colaborativas entre as persoas viveiristas. 

No caso do viveiro de Lalín, poranse en marcha dúas iniciativas. A primeira delas, “PorcoLab: laboratorio de emprendemento social”, terá lugar os días 15, 22 e 29 de outubro entre as 11 e as 14 horas. Trátase dun programa formativo, experiencial e innovador dirixido a entidades e colectivos sociais das comarcas de Deza e Terra de Montes. O principal obxectivo de PorcoLab, que emprega metodoloxías de traballo como DesignThinking, Lego SeriousPlay ou Lean Startup, é traballar conxuntamente con outras entidades e persoas para detectar e visibilizar necesidades reais do territorio e procurar solucións ás mesmas.

Finalmente, e tamén no viveiro de Lalín, terá lugar a iniciativa “Emprender chanzo a chanzo: Idea, reflexiona e define”, co obxectivo de facilitar ao alumnado de ciclos formativos ferramentas relacionadas coa súa visión e iniciativa emprendedora. Neste eido, esta actividade terá lugar o 17 de outubro e nela participarán alumnas e alumnos do IES Pintor Laxeiro de Silleda e IES Ramón María Aller de Lalín.

A Deputación de Pontevedra dinamiza os seus viveiros de Barro e de Lalín