Ademais, desenvolverase un programa de apoio ao emprendemento rural

A Deputación de Pontevedra anuncia un plan de dinamización para os viveiros de Barro e Lalín

A Deputación de Pontevedra porá en marcha un novo plan de promoción e dinamización dos viveiros de empresas de Lalín e Barro para incrementar o seu nivel de ocupación e deseñar un proxecto de uso sostible con eventos de networking, programas, sesións e formación práctica
A Deputación de Pontevedra anuncia un plan de dinamización para os viveiros de Barro e Lalín
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o alcalde de Lalín, Xosé Crespo, no viveiro de empresas da localidade.
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o alcalde de Lalín, Xosé Crespo, no viveiro de empresas da localidade.

Así o anunciou este martes a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, durante a visita ao viveiro de empresas de Lalín, na que estivo acompañada polo alcalde Xosé Crespo. O plan de promoción responde a tres obxectivos fundamentais: seguir poñendo en valor o rol dos viveiros de Lalín e Barro "como unha ferramenta fundamental de apoio á creación de tecido empresarial na provincia"; o fomento e apoio ao emprendemento e as iniciativas empresariais; e seguir a adecuar os servicios e accións dos viveiros ás necesidades das persoas viveiristas e da contorna.

Apoio ao emprendemento

O plan de dinamización contempla un novo programa de apoio ao emprendemento rural amais dunha campaña de promoción, dúas iniciativas que a Deputación pontevedresa desenvolverá mediante un convenio coa Fundación Roberto Rivas, que traballa no impulso do emprendemento social en entornos rurais que propicien o arraigo da poboación no territorio. O convenio, dotado cun importe de 30.000 euros –dos cales a Deputación achega 18.000 e a Fundación 12.000 euros-, ten como metas fundamentais o fomento do emprendemento e o desenvolvemento de novos proxectos empresariais na comarca do Deza.

Así, o I Programa de apoio ao emprendemento no rural do Viveiro de Lalín axudará ás persoas emprendedoras e empresas a desenvolver as súas ideas de negocio. Poderán participar novas iniciativas empresariais e tamén aquelas que estean en funcionamento e queiran poñer en marcha novas liñas de negocio ou precisen consolidarse ou redeseñar os seus proxectos. O programa terá tres fases: unha primeira para seleccionar cinco proxectos; unha segunda fase de seis meses para o seu desenvolvemento, e unha terceira de Demo Day. Tamén haberá sesións formativas dos proxectos escollidos de habilidades emprendedoras, modelo de negocios CANVAS, testeo Start-Up, plans de comunicación, comerciais e económico-financeiros.

O Plan tamén integra accións como a promoción de experiencias das persoas viveiristas, a comunicación de casos de éxito ou a organización de visitas concertadas do alumnado de estudios superiores e ciclos de emprendemento. Igualmente se traballará na creación de novas alianzas con entidades, e o establecemento dos viveiros como centro base do programa TIC Emprendes.

Cifras de ocupación

"Temos un firme compromiso con este viveiro e, ata o de agora, accións que desenvolvemos deron xa resultados", asegurou a presidenta da Deputación.  Neste eido, Carmela Silva mostrou a súa satisfacción polo nivel de ocupación alcanzado no viveiro de Lalín que está nas súas mellores cifras: "os espazos cobran vida cando dentro hai persoas e ideas e este viveiro está a ter cada día máis corpo". Así, catro das cinco oficinas están a pleno rendemento con empresas dedicadas a servizos veterinarios para explotacións gandeiras (Javier Campos Beltrán); á comercialización de maquinaria industrial (Solkajier Technic SL) e un servicio de coaching e asesoramento educativo (Leticia del Valle Ortín), ademais da oficina SmartPeme. En canto ás naves, Arzeos Aircraft, ocupará unha nave para a fabricación de utralixeiros e Bezos & Jobs Supplies, outra para a prestación de servicios de importación para terceiros.

Carmela Silva tamén coñeceu os datos de asesoramentos a empresas desde a oficina que SmartPeme ten no viveiro. Desde a súa creación o servizo da Deputación destinado a pemes e persoas autónomas realizou 632 asesoramentos a 351 empresas. En canto a este 2020, o confinamento e a pandemia dispararon os asesoramentos. Así, neste primeiro semestre obtivo un crecemento de ata un 71%, cunha media de 24,5 asesoramentos ó mes fronte aos 18 do pasado ano.

A Deputación de Pontevedra anuncia un plan de dinamización para os viveiros de Barro e Lalín