No IES Moncho Valcarce e no IES Castro da Uz

Deputación da Coruña e asociación SEARA promoven o emprendemento entre os estudantes das Pontes

A Deputación da Coruña colaborará coa Asociación de Usuarios de Solo Industrial (SEARA) das Pontes para desenvolver un programa piloto que promove iniciativas emprendedoras nos centros de educación secundaria do concello.

Deputación da Coruña e asociación SEARA promoven o emprendemento entre os estudantes das Pontes
José Castro e Valentín González na sinatura do convenio.
José Castro e Valentín González na sinatura do convenio.

O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, asinou o convenio co presidente de SEARA, José Castro Romero, para financiar esta iniciativa na que participan rapaces de entre 14 e 16 anos do IES Moncho Valcarce e do IES Castro da Uz.

A Deputación achega 22.331 euros, que supoñen preto do 73% do orzamento total. Os fondos provinciais custearán os labores de coordinación e asesoramento, así coma diversos materiais, gastos de desprazamento e outras actividades necesarias para a realización do proxecto.

O presidente de SEARA destacou que o obxectivo desta iniciativa, denominada PROEM (proxecto emprendedor), é "potenciar a cultura emprendedora entre as novas xeracións" e fomentar o desenvolvemento de proxectos empresariais que sexan beneficiosos para a sociedade. Neste sentido, José Castro Romero lembrou a experiencia anterior que se desenvolveu durante dous anos no CPI Monte Caxado, onde un grupo de 24 alumnos crearon unha APP turística.

Valentín González Formoso defendeu a importancia de "vincular aos rapaces desde mozos coa ilusión de emprender un proxecto" e explicou que PROEM permitirá que os mozos e mozas "vivan en primeira persoa o proceso de creación e xestión dunha empresa", coñecendo aspectos como os pasos que se han seguir para constituír legalmente unha empresa, o tecido empresarial e social das Pontes ou fundamentos de mercadotecnia, contabilidade e produción.

Formoso destaca o carácter emprendedor das Pontes

O presidente da Deputación destacou especialmente o "carácter emprendedor das Pontes" e afirmou que "os mozos que participan neste proxecto son a semente para o futuro". "Estas novas xeracións de emprendedores seguirán avanzando nese espírito que caracterizou á vila durante décadas", afirmou.

Así mesmo, González Formoso anunciou que outros polígonos industriais da provincia que se interesaron polo proxecto desenvolverán tamén iniciativas similares este ano co apoio da Deputación. En concreto, participarán a Asociación de Empresarios de Sabón, traballando con alumnos do CPI O Cruce de Cerceda; a Asociación de Empresarios da Agrela, asesorando a alumnos do IES A Sardiñeira, e a Entidade de Conservación de Bergondo, con rapaces do IES de Bergondo.

Deputación da Coruña e asociación SEARA promoven o emprendemento entre os estudantes das Pontes